04-06-2021
Vimiverán 2021, onde a principal novidade será a Vimiaventura nas parroquias
Presentamos a extensa programación para o Vimiverán 2021, onde a principal novidade será a actividade Vimiaventura nas parroquias, sempre que haxa un mínimo de dez nenas e nenos inscritos/as.
Haberá tamén, por primeira vez, actividades temáticas nas que, por un lado, se lle dará a coñecer á rapazada o Concello, tanto os edificios municipais como os pormenores do funcionamento da Administración local. Por outra parte, son formativas, xa que haberá Vimiteatro, Vimichef e Vimiverde, nas que a cultura, a gastronomía e a conciencia medio ambiental serán as temáticas principais.
O obxectivo prioritario do Vimiverán 2021, como vén sendo de costume, é facilitarlle a conciliación ás familias do concello, e para iso preséntanse distintas quendas. A primeira, do 28 de xuño ao 16 de xullo, terá Vimiteatro para nenas e nenos nacidos entre o 2009 e o 2018, contará cun máximo de 50 prazas e inclúe a tarde-noite meiga no Castelo de Vimianzo. Celebrarase na Casa da Cultura en horario de 10:00 a 14:00 horas. Por outra banda, Vimiaventura está pensado para nenas e nenos nacidos entre o 2009 e o 2018 e celebrarase no pavillón municipal de Vimianzo, cun máximo tamén de 50 prazas.
Do 19 de xullo ao 6 de agosto, haberá Vimichef na aula de cociña da Escola de Reboredo, en Salto, e que estrenarán as rapazas e rapaces para esta actividade, xa que conta con varios equipos de cociña instalados recentemente. Contarán cun máximo de 30 prazas. Por outro lado, terá lugar Vimiverde, no pavillón municipal, para a rapazada nacida entre o 2009 e o 2018.
Do 10 ao 27 de agosto, o Vimichef será para nenas e nenos nacidos entre o 2009 e o 2014, tamén na aula de cociña da Escola de Reboredo, en Salto, cun máximo de 30 prazas. A Vimifesta, para nenas e nenos nacidos/as entre o 2009 e o 2018 terá lugar no pavillón municipal, e contará cun máximo de 50 prazas.
Para rematar, e como principal novidade, entre o 28 de xuño e o 27 de agosto celebrarase Vimiaventura nas parroquias, para nenas e nenos nacidos entre 2009 e o 2018. O número mínimo de inscritos será de 10 nenas e nenos por parroquia.
No momento da inscrición, terán prioridade as nenas e nenos empadroados/as en Vimianzo. O prezo de cada actividade será de 50 euros, con 5 euros de desconto por familia numerosa. Poderán formalizarse desde o 9 ata o 22 de xuño.
Descargas