31-05-2021
O Concello executa as obras de mellora do edificio da Torre e adicará este espazo a fins culturais
O Concello de Vimianzo vén de executar as obras de mellora no edificio da Torre, á entrada do municipio, e adicará este espazo a fins culturais, onde xa se habilitou un aula para albergar clases de pintura. O proxecto contou cun orzamento total de 126.568, 53 euros.
O edificio estaba enfocado como un almacén e presentaba un deterioro importante na súa estrutura, sendo de titularidade municipal pero de escasa utilidade, máis que para acumular no seu interior materiais en desuso.
Con este novo enfoque daráselle unha vida na que as asociacións culturais e a veciñanza en xeral serán protagonistas, e que será unha das referencias de todo o municipio. Procedeuse á execución do recibidor en madeira maciza, habilitáronse os baños para persoas con mobilidade reducida, cambiáronse os materias de chans e teitos e aínda queda por executar as tarefas de xardinaría.
“Esta é unha obra que desde a oposición impulsamos e que sempre caía en saco roto, pero que por fin facemos realidade”, argumenta a alcaldesa, quen asegura que “será un espazo no que acolleremos diferentes actividades, cunha renovación integral nas calidades dos acabados e no que continuaremos coa nosa liña de traballo: en Vimianzo, as e os protagonistas son as veciñas e veciños”, sentencia.