23-04-2021
Vimianzo acolle a entrega dos recoñecementos da Rede Mundial da Business Network International
O auditorio da Casa da Cultura do Concello de Vimianzo acolleu esta tarde a entrega dos recoñecementos da Rede Mundial da Business Network International, onde se recoñeceu a nivel internacional o traballo realizado por diversos grupos empresariais a nivel autonómico durante o ano 2020.
Fixeron entrega dos mesmos o director nacional de BNI España, Mark Gibson e a directora executiva de BNI en Galicia, Susana Gómez, nun acto onde tamén estiveron presentes a alcaldesa, Mónica Rodríguez e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso e o director executivo de BNI, Juanjo Molinos.
Por categorías, recoñeceuse o papel de Alberto Pazos, de Teletécnicos; Beni Costas, de Talleres Ruso; Cristina Cortiñas, de Pétalos Decoración e Fernando Rivas, de Integradata dentro do apartado de “Membros fundadores”.
Comprendido no apartado “Directores 5 anos”, Fernando Álvarez, de Acción de Coruña e Ébano de Arteixo; Juan Carlos Villada, de Oro e VCR Breogán de Lugo e Rubén Couñago, de Terra Mar del Barbanza foron os nomes anunciados nesta gala.
No sector do “Gold members”, Manuel Rodríguez, de grupo Reconquista de Vigo; Eladio Martínez, de Grupo Up de Vigo; Jesús Orgueira, de Grupo Brigantium da Coruña; Antonio López, de Grupo Albatros Ferrolterra; José Manuel Mato, de Grupo Dolmen Costa da Morte; Pepa Medina, de Grupo Up de Vigo; Lina Río , de Grupo Ágora de Vigo e Javier Fidalgo, de Grupo Dolmen Costa da Morte foron os destacados.
“Membro con maior GNC xerado en España no ano 2020” resultou José Antonio Misa, de Hormigones Valle Miñor, mentres que o “Grupo con máis GNC acumulado” foi para Verbum, e “Grupos platino” Up e Cenit, de Vigo. O Grupo Dolmen Costa da Morte foi escollido tamén como mellor “Grupo Titanio”.
Albatros, de Ferrolterra, foi concebido como mellor “Grupo Diamante”, namentres que Antonio López de Ortegal Oil-Grupo Albatros foi recoñecido como “Mellor membro BNI España CNM” e o “Mellor grupo BNI España CNM” recalou tamén en Grupo Dolmen Costa da Morte.
Papel relevante do Grupo Dolmen Costa da Morte.
Na gala, o Grupo Dolmen Costa da Morte puido recoller ata catro galardóns diferentes. Mellor “Grupo Titanio”, mellor grupo BNI España CNM e as figuras de José Manuel Mato e Javier Fidalgo como “Gold Members” foron as distincións a nivel internacional acadadas por este grupo de traballo conformado por 75 empresarios da Costa da Morte, dentro da rede de networking “máis grande do mundo”.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, destacou “o esforzo e implicación de todos os axentes participantes nesta gala, con organizacións entendidas desde a base, nas que só se entenden as sinerxias e a colaboración como principais ferramentas de avance”, e parabenizou “a todas e todos tanto polas distincións acadadas como polo esforzo nun ano tan duro como 2020.”
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, felicitou ao Grupo Dolmen polo recoñecemento obtido por parte de BNI Galicia, e destacou a importancia de crear redes e fomentar sinerxias entre o tecido empresarial e os emprendores e emprendedoras. “Unha estratexia que a Deputación tamén impulsa a través da súa rede de centros de Traballo Colaborativo, da que xa forman parte os concellos de Oleiros, Brión, Ames, Carballo, Boiro, Moeche e A Capela, que tamén contan con centros de traballo colaborativo especializados en diferentes secotres estratéxicos no seu territorio.”
Esta é a aposta que facemos desde a Deputación, creando unha rede de espazos de traballo colaborativo sectoriais, especializados nun determinado ámbito profesional, un modelo único no país”, detallou o presidente provincial, que incidiu na importancia de que os centros “aproveiten o potencial e as particularidades propias de cada territorio”, e ademais “fomenten sinerxias” e entre emprendeores e emprendedoras dun sector determinado.
O director Nacional de BNI España, pola súa banda, sinalou que “a razón de ser de BNI é axudar ás empresas a medrar, conseguindo máis clientes mediante a colaboración doutras empresas. Non lembro un tempo cando este tipo de colaboración fose máis importante que agora, e as persoas que integran a rede de BNI en Galicia son un exemplo a seguir neste senso. Enorgulléceme entregar, non por primeira vez, este recoñecemento ao esforzo destes empresarios galegos.”