14-04-2021
O Concello continúa a posta a punto da antiga escola de Reboredo executando traballos de renovación no seu interior
O Concello de Vimianzo continúa a posta a punto da antiga escola de Reboredo, actual centro sociocultural, e xa está executando os traballos de renovación no seu interior. O alumnado do obradoiro de emprego son os encargados dos arranxos.
Así, estase traballando no mobiliario, no remate das portas e ventanas interiores e na parte principal, maioritariamente na optimización e reposición dos materiais. O pasado mes de decembro, o goberno local acordara o acondicionamento do almacén para desenvolver actividades culturais e gastronómicas.
Reparárase completamente a cuberta e adecuárase o interior para facelo habitable, con accións que permitían o aillamento térmico. Tamén se completara a instalación de dous equipos completos de cociña, nuns traballos que contaron cun orzamento total de 43.089,35 euros, dos cales 34.643,84 correspondían á aportación do GDR Costa da Morte.
Con esta nova intervención “continuamos a posta en valor dun dos edificios máis singulares de Vimianzo, que queremos que sexa epicentro de moitas das actividades culturais que se poidan desenvolver cando todo isto pase ”, sinala o edil de Obras, Miguel Ángel Pérez.