07-04-2021
O Concello condena rotundamente os feitos vandálicos no dolmen de Pedra Cuberta e investigará o acontecido
O pasado domingo 4 de abril apareceron no dolmen de Pedra Cuberta uns motivos realizados en xiz e que simulan un gato xunto a unha persoa. Con todo, a maneira de estar realizados con este produto, non é un atenuante do feito en si.
O Concello de Vimianzo condena rotundamente estes feitos vandálicos e abrirá unha investigación para resolver o acontecido. O goberno local xa ordenou un estudo técnico sobre a afectación das pintadas neste ben patrimonial, así como o procedemento a iniciar para a súa eliminación.
Vimianzo conta cun gran número destas xoias arqueolóxicas e o Concello proxecta unha liña de traballo continuísta para a súa preservación e conservación. Recentemente, se puxeran en marcha para poñer en valor estes espazos, e durante a Semana Santa, unha serie de rutas axudándose tanto nos guías cualificados como na tecnoloxía, especialmente nas canles de Wikiloc e as audioguías de vimianzo.mobi, cunha gran aceptación entre os visitantes.
“Facemos un balance moi positivo destas rutas, pero pésanos moito que continúen a aparecer este tipo de atentados contra os nosos bens, que son de todas e todos e que forman parte da nosa historia como pobo”, apunta a alcaldesa, Mónica Rodríguez, quen avanza que “se investigará o acontecido para tratar de dar solución a este problema, que desde aquí condenamos rotundamente. É un insulto para o noso pobo e para toda Galicia”, rematou a rexedora.