18-03-2021
O Concello continúa coa súa firme aposta por un municipio máis sostible e xa instalou 250 composteiros
O Concello de Vimianzo continúa coa súa firme aposta pola compostaxe como modelo de reciclaxe de materia orgánica nas vivendas do rural, cuxa campaña se está a desenvolver grazas á adhesión ao programa de SOGAMA e mediante o cal calquera familia vimiancesa que resida nunha vivenda illada cun mínimo de 50 metros cadrados de parcela, poderá solicitar totalmente de balde estes elementos. A Xunta de Galicia, a través de fondos FEDER, xa subvencionara á administración vimiancesa 161 composteiros.
Actualmente xa se instalaron máis de 250 composteiros no rural do municipio, e esta mañá a alcaldesa, Mónica Rodríguez, e a concelleira de Benestar, María José Pose, puideron comprobar de primeira man como se realizaba a instalación dun dos tantos que se levan repartido.
A compostaxe permítenos transformar os restos orgánicos que producimos na vivenda en compost de moi alto valor para poder ser usado en calquera tipo de plantación, ademais de reducir drasticamente os quilos de lixo que o Concello ten que levar a SOGAMA e polos que ten un importante custo económico.
A idea dun Vimianzo sostible está sempre presente na acción do goberno, pero este obxectivo non será posible sen o apoio e compromiso da cidadanía, a quen lle queremos agradecer “de xeito especial terse sumado á campaña, contribuíndo así á minimización do impacto ambiental nos residuos orgánicos.”