05-03-2021
O Concello de Vimianzo presenta a programación de primavera do Auditorio da Casa da Cultura
Nesta programación de primavera o concello mantén os compromisos cancelados no 2021 por mor da crise epidemiolóxica e presenta unha completa programación para os meses de marzo e abril.
Os seis espectáculos están cofinanciados pola Rede Cultural da Deputación da Coruña e pola Rede Galega de Teatros e Auditorios Agadic da Xunta de Galicia.
A programación de primavera do Auditorio arranca cun protocolo COVID específico, que vai garantir a seguridade de traballadores, artistas, técnicos e do público.
Unha vez máis achegaranse a Vimianzo figuras da talla de Luis Iglesia ,Marcos Orsi, Mariám Bañobre, Avelino González, Esther F. Carrodeguas, etc...
O sábado 13 a compañía Ibuprofeno Teatro achéganos o espectáculo O mel non caduca dirixido por un recoñecido dramaturgo da escena galega, Santiago Cortegoso.
O mel non caduca é un espectáculo biodegradable e ecosostible xestado a partir dun proceso de creación colectiva, arredor da relación do ser humano cos obxectos, da degradación ecolóxica do planeta por mor da perversa lóxica consumista do capitalismo e da obsolescencia programada, tanto dos produtos como das persoas. É unha obra para emocionar e concienciar e tamén para emocionar e rir da man de Avelino González e Mariám Bañobre.
Na programación destacan 3 espectáculos, o 20 e 27 de marzo e o 10 de abril, con perspectiva de xénero, promoción da igualdade entre mulleres e homes.
O 20 de marzo será a quenda do espectáculo 1879.Casa de bonecas da compañía Estudo Momento.
1879 Casa de Bonecas é unha adaptación do texto clásico que o dramaturgo Henrik Ibsen estreara con grande escándalo a finais do século XIX. Predecesora dos grandes movementos feministas, ensalza a figura de Nora Helmer, esposa e nai perfecta, que rachará dun famoso "golpe de porta" con todas as ataduras do sistema patricarcal. Esta versión centrada no matrimonio e protagonizada polos actores Iria Ares e Xoán Carlos Mejuto, convida ao espectador a recoñecerse na intimidade dunha relación desigual, entre homes e mulleres, como se o estivese a ver todo at ravés dunha ventana indiscreta... A montaxe acadou o I Premio Luísa Villalta pola Igualdade concedido pola Deputación da Coruña.
O 27 de marzo Teatro del Andamio achéganos Insubmisión, que fala da violencia que se xenera no ámbito familiar, e que o fai dende o epicentro do conflicto: a intimidade da parella. O texto conta a historia partindo de dúas premisas. A primeira é que a violencia non aparece explícita violencia suxerida, subxacente... A tensión dramática crece ao redor desa violencia contida, pero que non estala sobre o escenario.
A segunda é que Insubmisión non só se articula sobre a dor senón tamén sobre a esperanza, plantexando unha rebelión ante os fíos que nos atan a unha vida desgarrada. Hai saída; é posible facer as maletas é pechar a porta.
En abril , o sábado 10, a compañía De Ste Xeito Producións achéganos a Vimianzo Feminíssimas. Tres amigas que teñen 3 maneiras ben distintas de entender o “feminismo”… Por exemplo: feminismo radical, feminismo liberal e teoría queer. Esta é a base de Feminíssimas, unha peza con altas doses de humor, ironía e complicidade para poñer a amizade a proba mentres analizamos -dende a comedia- de que maneira as mulleres estamos a con-vivir neste novo mundo feminista no que nos atopamos mergulladas. Un espazo –ademáis- para reflexionar sobre a amizade e a súa complexa relación coa ideoloxía.
O sábado 17 de Abril estréase Conexión Pingüín no Auditorio de Vimianzo, unha divertidísima comedia sobre a incomunicación protagonizada por Luís Iglesia e Marcos Orsi; con texto do autor de comedia máis galardoado de Galicia José Prieto e producida por Culturactiva Producións.
Unha reflexión cómica sobre a incomunicación na era da comunicación, nunha posta en escena que mestura neve polar, móbiles de última xeración, pingüíns no horizonte e sobre todo moito humor. Por un lado, os nosos dous protagonistas trasladarán ao público ao ano 1923, cando tivo lugar unha famosa expedición con rumbo ao Polo Sur. Por outro lado, unha conferencia formal que, case un século despois, rememora e actualiza aquela fazaña antártica.
O sábado 24 de abril remata a programación de primavera o grupo de teatro Badius co espectáculo A Peregrinaxe, unha divertida comedia interpretada por caras moi coñecidas na comarca.
As representacións da programación de primavera, destinadas a adultos serán os sábados ás 20:30h.e a billeteira abre unha hora antes do inicio do espectáculo.
O prezo de entrada é de 5 euros ( reducida 2.50€) e haberá descontos para maiores de 65 anos e para estudantes acreditados.
Para o acceso ao auditorio deberá cumprirse o itinerario seguro e a obrigatoriedade de máscara hixiénica.
Descargas