03-03-2021
Conexión Pingüín pon a proba o seu humor cun pase para o alumnado de secundaria de Vimianzo de cara á súa próxima estrea
O sábado 17 de Abril estréase Conexión Pingüín no Auditorio de Vimianzo, unha divertidísima comedia sobre a incomunicación protagonizada por Luís Iglesia e Marcos Orsi; con texto do autor de comedia máis galardoado de Galicia José Prieto e producida por Culturactiva Producións.
Tralo éxito de Sénior, Culturactiva xunta de novo a estes dous grandes actores nunha proposta máis ambiciosa na que se meterán na pel de dous intrépidos montañeiros que tratan de chegar á Antártida. O público descubrirá a faceta máis cómica de Marcos Orsi e de Luís Iglesia, dous dos actores máis recoñecidos do panorama teatral e audiovisual actual.
O xoves 04 de marzo ás 10:30 horas a compañía ofrecerá un pase para o alumnado do IES Terra de Soneira como parte do traballo de creación e residencia artística que están facendo no Auditorio de Vimianzo en colaboración co Concello. A estrea para público xeral será tamén no Auditorio de Vimianzo o sábado 17 de Abril.
A obra conta tamén co apoio da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) a través das súas axudas á creación escénica.
SOBRE A PEZA
Conexión Pingüín é unha peza que fala da incomunicación entre os seres humanos, un mal que fai estragos todo os días e a todas horas. Estamos na súper era tecnolóxica, da conexión inmediata, da telecomunicación, mais nunca estivemos tan lonxe entre as persoas.
Unha reflexión cómica sobre a incomunicación na era da comunicación, nunha posta en escena que mestura neve polar, móbiles de última xeración, pingüíns no horizonte e sobre todo moito humor.
Por un lado, os nosos dous protagonistas trasladarán ao público ao ano 1923, cando tivo lugar unha famosa expedición con rumbo ao Polo Sur. Por outro lado, unha conferencia formal que, case un século despois, rememora e actualiza aquela fazaña antártica.
SOBRE OS PROTAGONISTAS
Luís Iglesia é un dos máis populares actores de teatro e TV de Galicia e a nivel estatal, ten participado en series e películas como El Cid, A Estiba, Matalobos, Serramoura, Pazo de Familia ou El Ministerio del Tiempo.
Marcos Orsi, director ademais de actor en Conexión Pingüín, é outro dos máis destacados actores e directores de teatro de Galicia cun Premio María Casares e participación en traballos escénicos como Commedia, A Cabeza do Dragón e series como A Estiba, Serramoura ou Matalobos. SOBRE OS PROTAGONISTAS SOBRE A PEZA
A obra está escrita por José Prieto cunha destacada traxectoria adornada por varios Premios Max, varios María Casares e varios Premios de Dramaturxia de Galicia.
A produción e posta en marcha do proxecto corre a cargo de Culturactiva Producións, o departamento de produción escénica da cooperativa de xestión cultural do mesmo nome que en 2020 celebrou o seu vixésimo aniversario e que será tamén a encargada de levar a obra a todos os teatros do país a partir do 17 de Abril.