03-03-2021
Vimianzo prepara unha escolma de actividades de cara a conmemoración do 8 de marzo
O Concello de Vimianzo está a preparar unha escolma de actividades de cara á conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
Por unha banda, promoverase a creación dun xardín vertical no miradoiro da Torre, baixo o lema “(Im)plantemos a igualdade”, e no que poderá participar a veciñanza mediante cita previa, co fin de evitar aglomeracións e cumprir cas recomendacións sanitarias. Habilitarase o número de teléfono 604 004 086 que estará dispoñible durante a xornada do mércores 3 de marzo e o xoves 4 de marzo. A composición terá lugar durante toda a xornada do venres. O luns 8 de marzo celebrarase o acto de presentación do xardín rematado ás 12:00 horas.
Por outro lado, convocouse o concurso de imaxe gráfica coa finalidade de promover a igualdade e empregar como distintivo nas comunicacións e documentos oficiais do Concello de Vimianzo, e propiciar así unha reflexión sobre as desigualdades de xénero establecidas na sociedade. Participará o alumnado do IES Terra de Soneira e o prazo finaliza o vindeiro 22 de marzo. A imaxe debe expresar a reivindicación da igualdade entre as persoas.
Por último, tamén está prevista a organización o vindeiro 11 de marzo dun teatro-coloquio coa compañía Tarabela Creativa e cuxos destinatarios serán as alumnas e alumnos do obradoiro de emprego. Será na Casa da Cultura ás 10:30 horas e o espectáculo denomínase “Tabú”, un show de narración oral coa misión de transmitir as historias de confusión, segredismo, amor, picaresca e sexualidade das mulleres que son cimento da nosa terra. A obra, de Carmen Conde, nace froito das conversas recollidas con mulleres de entre 70 e 95 anos no Valmiñor, o Morrazo, o Courel, a Mariña Lucense, a Costa da Morte e o Couto Mixto sobre a súa vida erótica e sexual de xuventude.