01-03-2021
O Concello dá un paso máis para executar o proxecto de renovación das instalacións de alumeado exterior por 2,3 millóns de euros
O Concello de Vimianzo dá un paso máis para levar a cabo o proxecto de renovación das instalacións de alumeado e sinalizacións exteriores de todo o municipio cun proxecto que ascende a 2,3 millóns de euros, grazas á subvención acordada co Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE). A entidade aportará o 80% do orzamento e o Concello o restante 20%, un total de 472.473,70 euros logo de aprobarse no pleno deste venres unha modificación de crédito destinada, entre outros puntos, a este plan.
O Concello está agardando a derradeira autorización por parte de Patrimonio, para iniciar o proceso de licitación. Conseguirase así un aforro de máis do 50% para as arcas municipais no que respecta á facturación deste servizo, implementándose a tecnoloxía LED, máis eficiente e con menor impacto ambiental. Cabe destacar que estas luminarias empregan o 95% da enerxía da luz e tan só se desperdicia un 5% en calor, facéndoas máis duradeiras.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, quixo sinalar que “suporá un antes e un despois na nosa factura, e polo tanto na de toda a veciñanza, ademais de significar un cambio radical na mellora lumínica e, vencellado a isto, da seguridade viaria nas 14 parroquias de Vimianzo.”
Renovación de máis de 4.500 puntos de luz
Logo das máis de 300 bombillas que xa se instalaron no núcleo urbano de Vimianzo, este proxecto implicará a renovación de máis de 4.500 puntos de luz nos 133 lugares do municipio. Realizarase unha intervención por fases ata completar os espazos nos que exista alumeado público.