18-02-2021
O Concello presentará alegacións ante o proxecto de construción do futuro parque eólico Monte Chan
O Concello de Vimianzo presentará alegacións ante o proxecto de construción do futuro parque eólico Monte Chan, situado no emprazamento xeolóxico dos Penedos de Pasarela, declarada Paisaxe Protexida desde hai doce anos.
O proxecto parece contemplar a instalación de aeroxeneradores que forman parte dese futuro parque eólico e que quedarían dentro do perímetro dos Penedos de Pasarela. “Non podemos permitir que un área de tanta riqueza paisaxística e valor natural e social, así como a súa contorna, quede invadida polos muíños de vento. Que sexa Paisaxe Protexida implica unha serie de condicións e teñen que respectarse”, lembrando que “non existe un plan sectorial aprobado, que é o punto urbanístico primordial sobre o que soster un proxecto así”.
O documento do inicio do proceso de avaliación do impacto ambiental do parque eólico Monte Chan recolle que “mención aparte merecen Os Penedos de Pasarela”, contorna na que se emprazan os aeroxeneradores máis ao sur da infraestrutura eólica. (...) Trátase dun dos monumentos graníticos máis importantes de Galicia, xunto con Pena Corneira e o Monte Pindo, destacando da zona a gran variedade de formas e micro formas de tipo antropomórfico e zoomórfico”.
“Temos que evitar a toda costa os danos que ocasionarán estas instalacións nunha paisaxe como a dos Penedos de Pasarela; xa non só a propia colocación destes elementos, senón todo o que conleva, xa que se tería que adecuar o terreo para facer isto posible, algo que consideramos inviable”, trasladan desde o goberno local.
“Vamos a loitar onde faga falta para que non se leve a cabo o parque eólico, pero despois de facer varias consultas para poder trasladar e coñecer de primeira man, trasládolle á veciñanza que estamos a realizar alegación sobre a avaliación sobre o impacto ambiental nesta zona. Neste momento non hai nada autorizado. A Xunta deunos traslado deste expediente para proceder as alegacións correspondentes, e así o faremos”.
A rexedora quixo lamentar que “se estea a enganar á veciñanza por parte dun grupo da oposición, e cabe lembrar que durante eles gobernaron nunca se opuxeron a ningún parque eólico. Deberían ser coñecedores que isto é un trámite previo a calquera autorización. Non se pode falar dun procedemento como este en presente, xa que está en fase embrionaria e nós aínda temos moito que dicir ao respecto”.