10-02-2021
Vimianzo proxecta intervir na estrada de Baíñas a Olveira para subsanar as deficiencias que presenta o firme
O Concello de Vimianzo proxecta a mellora na estrada de Baíñas a Olveira con actuacións tanto na súa plataforma como nos elementos de drenaxe. Para o firme empregarase unha capa intermedia de regularización, corrixindo así as deformacións, ademais dunha nova capa de rodadura. Así mesmo, nas zonas danadas e con problemas estruturais, procederase a un saneo profundo e a reposición completa do firme.
Polo momento, non se podería intervir de xeito integral ata a primavera, aínda que o proxecto xa está en fase de redación. O tenente de alcalde, Víctor Muíño, anuncia “medidas provisionais” na zona para “tratar de paliar os efectos das obras executadas polo goberno anterior, que lonxe de subsanar os problemas, incrementáronos”, subliña.
A idea é aplicar ata doce centímetros de asfalto nunha zona na que o anterior non contemplaba un grosor suficiente, tan só de catro centímetros, feito polo cal presenta un deterioro considerable.
Solicitude a Augas de Galicia
Complementariamente, xunto co Concello de Dumbría, plantéxase solicitar a Augas de Galicia un estudio hidrográfico na zona polas inundacións estacionais que presenta anualmente. “É un problema que atinxe aos dous municipios, e polo tanto solicitaremos a Augas de Galicia unha reunión para poder, de maneira conxunta e coordinada, solventar dunha vez por todas este grave problema”, sinalan os edís de Vimianzo e Dumbría, Mónica Rodríguez e José Manuel Pequeño.
O cauce do río Cabral, debido á maleza que presenta nos seus bordos, fai que se produzan desbordamentos que afectan a máis dun quilómetro da vía, e imposibilitando o tránsito tanto de maquinaria pesada como de vehículos convencionais, co conseguinte desvío do tráfico e a problemática que isto implica para a veciñanza.
“O noso obxectivo é darlle solución definitiva a un problema que vimos arrastrando de anos atrás; é unha demanda da veciñanza e tamén da xente que traballa no transporte, xa que a diario teñen que adecuar a súa ruta para rodear esta zona, un prexuízo para moitas e moitos deles”, finalizan a alcaldesa de Vimianzo e o alcalde de Dumbría, Mónica Rodríguez e José Manuel Pequeño.
Tanto Rodríguez como Pequeño, ademais de Víctor Muíño, estiveron esta mesma semana na zona para supervisar o estado actual da mesma, acompañados de persoal técnico.