04-02-2021
O Concello aproba adicar 919.094,35 euros do Plan Único no pleno a gasto corrente, obras e gastos sociais extraordinarios
O Concello de Vimianzo aprobou o 03/02/2021 na sesión plenaria adicar 919.094,35 euros do Plan Único da Deputación Provincial da Coruña a gasto corrente, obras e gastos sociais extraordinarios.
Destinaranse 703.291,05 euros a gasto corrente e investimentos, namentres que 232.419,12 euros a gastos sociais extraordinarios, dos que 202.419,12 euros se adicarán a ampliar o servizo de axuda a domicilio en todas as súas modalidades, dentro da nova licitación.
Dentro deste apartado, 10.000 euros serán para ampliar e dotar as partidas destinadas a garantir investimentos suficientes ás persoas soas ou familias maiores, persoas con diversidade funcional e mulleres en risco de exclusión social ou vítimas de violencia de xénero. Outros 10.000 euros para axudas ás familias para gastos que faciliten a escolarización, material informático e acceso os medios dixitais. Os restantes 10.000 euros serán para reforzar os servizos e axudas económicas para respiro familiar e medidas de conciliación.
Na liña de investimentos, plantéxase que os 347.215,60 euros á rede de saneamento en Carantoña; a pavimentación no lugar de Mouzo e na mellora do viario de Subeiro A Carballa. Os restantes 356.075,45 euros serán para financiamento do gasto corrente.
Plan complementario
Tamén se aprobou a inclusión no Plan Complementario do ano 2021 os investimentos financieiramente sostibles de arranxo do pavimento interior no lugar de Xora (Fase 1); a mellora no viario de Santa Comba (Baíñas) e a mellora no viario de Romar (Berdoias).
Respecto ao punto sétimo, do “ditame sobre execución de sentenza RPT área de arquitectura urbanismo e posto de arquitecto municipal”, deuse conta dunha sentenza xudicial, no cal o Concello de Vimianzo está obrigado a regularizar o posto de arquitecto técnico municipal.
Debateuse tamén o tema sobre o alcance da avaliación do impacto ambiental ordinaria do Parque Eólico de Berdoias, o cal o Concello de Vimianzo presentou as alegacións amparadas xurídica e técnicamente para “darlle o formalismo como Administración que somos”, incide a alcaldesa, Mónica Rodríguez.
Neste sentido, cabe destacar que a implantación das infraestruturas require da previa aprobación definitiva dun proxecto sectorial, polo que non é posible iniciar a tramitación dun proxecto de execución sin a previa aprobación dun proxecto sectorial que acometa a necesaria transformación urbanística do territorio, e que todavía está pendiente a licencia municipal.
En conclusión, o Parque Eólico de Berdoias non é conforme á ordenación urbanística e o impacto sobre o territorio é dunha enorme trascendencia para a etnografía de Vimianzo e de Galicia desde o momento no que afecta de modo destrutivo a unha área con un extraordinario potencial arqueolóxico. Desde o Concello, presentáronse alegacións en tempo e forma porque “temos como deber protexer o noso patrimonio”, sinalan desde o goberno local.