04-12-2020
ACENDIDO DE LUCES E PROGRAMACIÓN DE NADAL 2020
ACENDIDO DE NADAL
O Concello de Vimianzo ultima os preparativos para acender mañá, venres 4 de decembro e ás 20:00 horas da tarde, o alumeado de Nadal. Contará neste particular 2020 con varias sorpresas para a veciñanza, con elementos renovados e algún detalle adaptado ao novo contexto.
O acendido será retransmitido en vivo pola canle oficial de Facebook da Administración local, para evitar así aglomeracións no epicentro deste evento, a praza do Concello. “Nun ano tan especial como este non quixemos deixar pasar a oportunidade de darlle cor ao noso pobo, e así tamén incentivar o consumo no comercio e hostalaría locais, pero sempre con prudencia”, advirten desde o goberno local.
Ademais, hoxe tivo lugar a presentación da programación do I Festival de Teatro Viminadal, que estará organizado baixo estritas condicións hixiénicas e sanitarias, con itinerario seguro. A intención deste ano é que “os horarios sexan compatibles con accións nos comercios e hostalería de Vimianzo”, din desde o goberno local.
Os espectáculos non recomendados para menores serán ás 20:30 horas, namentres que os familiares serán ás 17:30 horas. Estes últimos serán de balde ata completar aforo e as reservas pódense facer na billeteira da Casa da Cultura de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. Para os espectáculos de adultos, o prezo será de 5€, e haberá prezo reducido (2,5€) para maiores de 65 anos e estudantes. A venda anticipada será na Casa da Cultura e poderanse adquirir ata o xoves 10 de decembro.
Programación de Nadal
Dentro das actividades culturais para festexar o Nadal 2020, o Concello de Vimianzo deseñou unha ampla programación na que, por primeira vez, se celebrará o I Festival de Teatro Viminadal.
Así, comezará o 18 de decembro ás 20:30 horas con ‘Papar sen cancelas’, de Culturactiva. Un día despois, o 19 de decembro ás 17:30 horas, Mere Clown executará ‘O axudante de Papá Noel’. Carlos Blanco e Osvaldo Digón chegará o día 20 de decembro ás 20:30 horas con ‘Quen dixo medo?’
O día 23 de decembro ás 17:30 horas os máis pequenos poderán gozar de Pakolas en concerto, xornada na que se fará entrega, por parte do goberno local, dos premios das postais de Nadal ao remate do espectáculo. O día de Noiteboa, ás 17:30 horas, Teatro Calavera escenificará ‘Nadal na Fraga’. Ademais, será a visita de Papá Noel.
O día 26 de decembro, Producións T. Escénicas interpretarán Medida x Medida ás 20:30 horas e un día máis tarde, Raquel Queizás contaralle á rapazada ‘O xogo de Nano’, ás 17:30 horas. Para despedir o ano, Pedro Brandariz narrará o día 31 de decembro ás 17:30 horas os seus ‘Contos de Nadal’.
Xa en pleno comezo do 2021, Cayetano Lledó levará ata Vimianzo o día 2 de xaneiro ás 17:30 horas ‘Le cirque’, e un día máis tarde, Baobab Teatro o seu espectáculo ‘Ris Ras’. O día 5 de xaneiro, recibiremos, neste particular contexto, aos Reis Magos.