24-11-2020
Non haberá Gala Solidaria por mor da covid-19
O Concello de Vimianzo, Cáritas e Cruz Vermella avogan pola colaboración nun ano que non haberá Gala Solidaria por mor da covid-19. Tampouco visitarán os establecementos as persoas voluntarias destas organizacións, xa que toda prevención "é pouca para frear esta pandemia mundial", reza o escrito asinado esta mañá pola alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez; a presidenta de Cruz Vermella, Rebeca Veiga e a directora adxunta de Cáritas, María Carmen Vázquez.
"Somos conscientes de que está sendo unha etapa con moitas dificultades para todas e todos, non só no ámbito da saúde, senón tamén no espazo económico a nivel xeral", afírmase. Incídese na "importancia", hoxe máis que nunca, de facer un pequeno esforzo para axudar "aos colectivos máis vulnerables nesta pandemia" e facilitan un número de conta para facer as respectivas doazóns: ES51 2080 0082 4130 0007 3452.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, quixo destacar a "importancia da labor social que realizan día tras día tanto Cruz Vermella como Cáritas", e asegura que "tócanos dar un pasiño máis nun tempo tan complexo", afirma.
A rexedora agradeceu tanto a Rebeca Veiga como a María Carmen Vázquez "que teñan acudido esta mañá ao noso Concello para coordinar as accións que se levarán a cabo as vindeiras semanas", agradecemento ao que se sumaron tanto a presidenta de Cruz Vermella como a directora adxunta de Cáritas.
Caixas solidarias
Para as persoas interesadas en colaborar con ambas organizacións, dispoñerase das caixas solidarias para realizar a doazón de alimentos que se considere, nas grexas, cenros educativos supermercados, concello e sedes de Cruz Vermella ou Cáritas.