23-11-2020
Vimianzo prepara unha escolma de actividades de cara ao 25N adaptadas á situación de incidencia da covid-19
O Concello de Vimianzo prepara unha escolma de actividades de cara ao 25 N adaptadas á situación de incidencia da covid-19. Por iso, e debido ás restricións impostas no municipio actualmente, moitas delas se desenvolverán de maneira telemática.
Así, ademais da adhesión á campaña da Deputación Provincial da Coruña, “DE FRONTE”, e á impulsada polo GDR da Costa da Morte, “Non cales ante os malos tratos”, desde a administración vimiancesa plantexaron tamén un concurso de microrrelatos contra a violencia machista, e no que xa participaron 45 persoas.
O xurado, composto por Natalia Lema, Miriam Gándara, Patricia Vaquero e Nieves Lema, reunirase o martes, 24 de novembro ás 10:00 horas da mañá, para decidir as obras premiadas. O fallo coñecerase un día despois, o propio 25 de novembro logo da concentración prevista, e que por mor do coronavirus, non poderá ter a asistencia prevista. Será, en todo caso, no paseo fluvial, a carón dos bancos que pintou para a ocasión o alumnado do obradoiro de emprego. Todos os relatos finalistas serán difundidos nas canles oficiais da administración vimiancesa.
Tamén se está a preparar unha vídeo montaxe recompilando mensaxes contra a violencia machista, no que participaron distintos axentes sociais, colectivos e veciñas e veciños, que se difundirá nas redes do Concello de Vimianzo.
A concelleira de Benestar Social, María José Pose, agradeceu a “implicación de todos os colectivos para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, aínda no contexto no que estamos. Demostrouse e demostrarase, novamente, que Vimianzo di NON ante esta lacra”, sinalou.