12-11-2020
Xuntanza telemática coa Consellería de Sanidade
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, acudiu esta mañá á xuntanza telemática coa Consellería de Sanidade, xunto a diversos alcaldesa e alcaldesas das comarcas de Bergantiños e Soneira, á que tamén acudiu o doutor Luis Verde. Alí, tratouse de xeito específico a incidencia que está a ter o coronavirus nesta zona, e as diversas maneiras das que se podería atallar a súa incidencia.
En primeiro lugar, a alcaldesa de Vimianzo agradeceu á Xunta, en especial a Luis Verde, a disposición e trato "co noso concello durante estes quince días". Novamente, fíxose especial fincapé na necesidade de "obter información máis detallada e instrucións máis selectivas para que nós poidamos actuar, por exemplo, realizando desinfeccións nos espazos e lugares máis sensibles, e onde se observa unha maior incidencia do virus", argumentaba Mónica Rodríguez.
O xoves que vén terá lugar unha nova xuntanza telemática para coñecer novamente a evolución da situación actual en cada municipio, e os pasos a seguir para tratar de reverter a situación canto antes. Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, quere mandar ánimos especialmente "ás persoas afectadas polo coronavirus no noso municipio, e ás súas familias. Necesitamos continuar seguindo estritamente as recomendacións para volver á "normalidade" o antes posible", apunta.