09-11-2020
O CONCELLO DE VIMIANZO APOSTA POLA COMPOSTAXE
O noso concello tomou a decisión de apostar pola compostaxe como modelo de reciclaxe da materia orgánica nas vivendas do noso rural, polo que calquera familia vimiancesa que viva nunha vivenda illada cun mínimo de 50 metros cadrados de parcela, poderá solicitar gratuitamente participar no proxecto e o concello entregaralles un composteiro e un aireador, ademais de levarllo á casa e formalo individualmente no seu uso.
A compostaxe permítenos transformar os restos orgánicos que producimos na vivenda en compost de moi alto valor para poder ser usado en calquera tipo de plantación, ademais de reducir drasticamente os quilos de lixo que o concello ten que levar a Sogama e polos que ten un importante custo económico.
A idea dun Vimianzo Sostible está sempre presente na acción do goberno, pero este obxectivo non será posible sen o apoio e compromiso da cidadanía, por iso damos este paso e facemos o esforzo de dotar a 161 familias do noso concello desta ferramenta.