19-06-2020
O Concello de Vimianzo presenta a programación cultural de verán VIMIANSOL
Vimianzo arranca unha nova programación de verán para todos os públicos achegando as principais compañías das artes de rúa do momento. Unha completa programación con circo, maxia, teatro, música,cine e moito humor.
Un novo xeito de desfrutar do verán de Vimianzo cunha amable oferta cultural, visual e de humor dirixida a todas as idades e co humor como liña condutora do programa.
Por Vimianzo pasarán compañías premiadas en importantes festivais de rúa e moi diversas propostas en canto a estilos e disciplinas. Espectáculos como Saaabor! cuxos números poderemos ver na gala de arranque Circando do 11 de xullo e gañadora do premio de público de Festiclown 2018.
O 18 de xullo chegará a Vimianzo o Mago Teto, un dos magos máis importantes do momento que nos achega o seu novo show Alquimia, ademais o 01 de Agosto a compañía de nova creación Muu abraiaranos coas acrobacias, saltos e o humor absurdo de Crunch!
O ciclo escénico pecha a súa programación con dúas importantes compañías chegadas doutras comunidades con grande experiencia e percorrido internacional.
O 08 de Agosto Kanbahiota achegan unha espectacular propostas de equilibrios e acrobacias aéreas e o 22 de Agosto pechamos co gañador en Ascona (Suiza) e Landshut (Alemania) ou Festiclown (Galicia) nun espectáculo onde os malabares, o humor e a improvisación chegan ao seu máximo apoxeo.
Neste Vimiansol hai cabida para a música e gozaremos dun concerto do dúo Caamaño¬Ameixeiras. Poderemos escoitar a Antía Ameixeiras, de orixe vimiancés, gañadora do concurso de xoves intérpretes para tocar con Carlos Núñez na súa xira por E.E.U.U e como violinista en Luar na Lubre; e a Sabela Caamaño, multipremiada acordeonista e pianista de Oza dos Ríos.
As Noites de cine na rúa volven á Praza do Concello e acollerán a estrea do filme galego e en galego María Solinha . Na proxección contaremos coa presenza das súas actrices protagonistas, Grial Montes e Laura Míguez, así como do seu director Ignacio Vilar.
O premiado filme O que arde tamen chegará á carteleira do Vimiansol o sábado 4 de xullo. Completarán a carteleira de cine os filmes infantís O bebé jefazo e Spiderman:un novo universo e o filme de produción galega A Galiña Turuleca.
O 10 de agosto, festivo local, Pura alegría, as cómicas Celia e Cruz queren compartir coas nenas e nenos unha tarde de moita diversión, na festa con bailes, xogos e animación musical.
Vive o verán con nós, cultura ao aire libre! #Vimiansol
Entrada de balde con reserva ata completar aforo
Reservas na billeteira da Casa da Cultura de luns a venres de 9.00 a 14:00 h.
Información :cultura@vimianzo.gal
Descargas