10-06-2020
Presentación da plataforma de venda online DBARRIO.COM
O tecido empresarial de Vimianzo reuniuse esta mañá na Casa da Cultura do municipio para ser coñecedores en primeira persoa da plataforma de e-commerce que se propón empregar para fomentar o comercio a través de Internet neste novo contexto socio-sanitario que estamos a vivir.
Esta acción enmárcase dentro do Plan de Reactivación Económica da Costa da Morte, impulsado polos Concellos de Vimianzo e Camariñas e no que participan tamén outros 11 concellos da contorna. O plan do Concello de Vimianzo é sufragar o custe da licencia na súa totalidade no primeiro ano de vida desta plataforma.
Esta plataforma, da empresa DBARRIO, foi a proposta, xa que fomenta en alto grao o comercio de proximidade e potencia a fidelidade coa clientela por parte do comercio que empregaría este servizo.
Ademais, facilita o modo de transporte, ampliando o abano de puntos de recollida e propoñendo a posibilidade de contactar con repartidores locais e inclusive co sector do taxi para realizar o servizo.
Nesta reunión, os comerciantes de Vimianzo acolleron a idea ‘de bo grado, amosándose tremendamente satisfeitos pola alternativa elixida’, comenta Rosa Sánchez, ADL de Vimianzo. Tanto é así que ‘sete empresas xa se anotaron na lista para solicitar a adhesión a este modo de venta a través de Internet’, comentan desde a administración vimiancesa.
O Concello de Vimianzo pon a disponsición do tecido comercial do municipio o seguinte formulario web para que se poidan inscribir no mesmo todos os comercios que así o desexen. Á reunión acudiron a alcaldesa, Mónica Rodríguez; a concelleira de Benestar, María José Pose; a ADL de Vimianzo, Rosa Sánchez; a técnica informática do Concello de Vimianzo, Lorena Cernadas e Pablo Sánchez e Jacobo Santamarina, en representación da empresa que prestará este servizo, DBARRIO.
Ligazóns