30-04-2020
A 25 edición do Asalto ao Castelo celebrarase en 2021
Despois de debater e analizar a situación, as asociacións organizadoras e o Concello de Vimianzo cancelan a celebración no 2020 do Asalto ao Castelo. É unha decisión que se toma por responsabilidade e prevención sanitaria pola seguridade do público, ademais de ter en conta as medidas que se están a adoptar para loitar contra a expansión da Covid19.
A difícil situación motivada pola epidemia, non só dificulta se non que fai imposible mesmo o traballo previo necesario para unha correcta realización do festival. Ademais, o traballo que xa tería que estar en marcha nestes momentos non se pode levar a cabo. Tendo en conta que esta é unha festa feita pola propia veciñanza na que a colaboración e traballo dos colectivos sociais son fundamentais, na actual situación de confinamento isto faise completamente inviable. No debate puxéronse sobre a mesa todas as opcións, mesmo o adiamento do festival, mais foron unanimemente descartadas.
Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, declarou que “é unha decisión moi complicada de tomar, e na que hai que deixar o corazón a un lado. A organización fixo un esforzo tremendo durante todo o ano; era unha data especial por tratarse da XXV edición, pero xa marcamos en vermello o 3 de xullo de 2021”, insiste a rexedora.
A organización traslada a súa “ilusión e esforzos para o sábado 3 de xullo de 2021, cando se poderá celebrar por todo o alto o 25 aniversario do Asalto ao Castelo, unha edición polo tanto aínda máis especial”, aportan. O Concello e asociación organizadoras agradecen a omprensión da veciñanza e do público, e confía na enerxía coa que volverán as forzas irmandiñas o ano que vén.