Concello de Vimianzo
27 de decembro de 2024
O corazón da Terra de Soneira

Convocatorias

08-04-2020

Bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero (Xunta de Galicia)


Normativa

ORDE do 11 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero, con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. (DOG nº 78 do 24/4/2019)  VI482C

Resolución do 3 de abril de 2020 pola que se convocan, para o ano 2020, con financiamento plurianual, as subvencións do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (DOG nº  do 11/7/2019) VI482C e VI482D

Obxecto

Convocar para o ano 2020, con financiamento plurianual, as subvencións do Programa do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero, así como a prórroga destas axudas para todas as persoas que resultasen beneficiarias deste programa no ano 2019, con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero

Persoas beneficiarias

Da concesión inicial da axuda:

  1. As das mulleres vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica do seu agresor ou, no caso de mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual, de dependencia da persoa que mantivese sobre ela unha relación de dominación. Terán tamén esa consideración as mulleres que padecesen violencia vicaria ou violencia por interpósita persoa, con resultado de morte.
  2. As das fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, calquera que sexa a natureza da súa filiación, que se encontrasen nunha situación de dependencia económica da nai ou do agresor no momento do falecemento da vítima.

Considérase unidade de convivencia o conxunto de persoas que habitan e gozan dunha mesma vivenda de forma habitual e permanente e con vocación de estabilidade, con independencia da relación que exista entre todas elas. Unha unidade de convivencia pode estar composta por varias unidades familiares. A composición da unidade familiar será a que se estableza na normativa reguladora do IRPF.

Da prórroga da axuda (artigo 8 das bases reguladoras)

  • Persoas que, resultando beneficiarias desta axuda e non tendo perdido o dereito mediante a oportuna resolución, finalicen o seu período de desfrute durante o ano 2020 e cumpran os "Requisitos comúns" do seguinte apartado.

Requisitos das persoas beneficiarias

Mulleres vítimas de violencia de xénero:

Para que as unidades de convivencia previstas na a)  poidan ser beneficiarias deste programa é preciso que non resultasen beneficiarias desta axuda nunha convocatoria anterior e que, ademais, cumpran os seguintes requisitos:

  1. Que, dentro do ano anterior á data de presentación da solicitude, cesase a convivencia co agresor ou coa persoa que manteña sobre ela unha relación de dominación. No caso de violencia vicaria ou violencia por interpósita persoa, o feito causante deberase ter producido dentro do ano anterior ao da presentación da solicitude.
  2. Que o documento acreditativo da situación de violencia fose emitido dentro dos doce meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

No caso de acreditar a situación de violencia de xénero a través da orde de protección ou da medida cautelar, estas deberán estar vixentes na data de presentación da solicitude e manterse na data da resolución desta axuda. Para estes efectos, o órgano xestor solicitará informe ao Punto de Coordinación das Ordes de Protección de Galicia, radicado na Secretaría xeral da Igualdade.

Fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero:

  1. Que a persoa solicitante sexa menor de idade e estivese convivindo coa nai no momento da súa morte, independentemente da renda da unidade de convivencia.
  2. Que a persoa solicitante sexa maior de idade e menor de 30 anos e dependese economicamente da nai e/ou do agresor. Entenderase así cando na data do falecemento as fillas/os percibisen rendas, de calquera natureza, que en cómputo anual sexan iguais ou inferiores a doce mensualidade IPREM.

Requisitos comúns:

  1. Estar empadroadas e ter residencia efectiva nun concello de Galicia durante os doce meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude da axuda. Ademais, no caso das persoas estranxeiras, cando así o exixa a lexislación vixente, deberán posuír o permiso de residencia. No caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual, será suficiente acreditar que están empadroadas nun concello de Galicia e que posúen autorización de residencia por circunstancias excepcionais.
  2. Que sexan persoas arrendatarias ou que estean en condicións de subscribir un contrato de arrendamento de vivenda nun concello  de Galicia, cunha duración mínima dun ano e con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos. No caso dos/das menores de idade orfos por violencia de xénero, así como das vítimas de trata menores de idade, o contrato de arrendamento deberá ser asinado pola persoa que posúa a patria potestade, tutela ou acollemento familiar permanente do/da dito/a menor.
  3. Que a vivenda obxecto do contrato de arrendamento constitúa ou vaia constituír o seu domicilio habitual e permanente.
  4. Que a renda do contrato de arrendamento que se subvencione non supere os importes sinalados.
  5. Que os ingresos da súa unidade de convivencia, sexan iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM ponderado, excepto menores de idade que estivesen convivindo coa nai no momento da súa morte. Os ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante determinaranse calculando o rateo mensual dos ingresos netos correspondentes a cada unha das persoas membros da dita unidade de convivencia durante os tres meses anteriores ao da presentación da solicitude, incluído, de ser o caso o rateo correspondente ás pagas extraordinarias.
  6. Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da unidade de convivencia teña vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora, nin que exista vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata o segundo grao, con ela. Esta mesma exixencia aplicarase cando a parte arrendadora sexa unha persoa xurídica, respecto de calquera dos seus socios ou partícipes.
  7. Que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia teña no territorio nacional unha vivenda en propiedade ou en usufruto, agás que, dispoñendo dela, non goce do seu uso e desfrute ou se trate dunha vivenda insuficiente ou inadecuada, por razóns de habitabilidade e mobilidade*.
  8. Que non sexan arrendatarias de vivendas xestionadas polo IGVS.
  9. Que a persoa solicitante e as restantes persoas da unidade de convivencia estean ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, nin incursos en ningún dos outros supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

* Para os efectos anteriores considérase:

  • Vivenda insuficiente aquela en que a cada ocupante lle correspondan menos de 10 m² de superficie útil, sen computar baños, corredores e tendais.
  • Vivenda inadecuada por razóns de habitabilidade aquela que estea en situación legal de ruína, así como aqueloutra que teña deficiencias que afecten de forma notoria a súa habitabilidade.
  • Vivenda inadecuada por razóns de mobilidade aquela que, pola súa configuración arquitectónica e/ou accesos, implique unha grave perda de funcionalidade para unha persoa con mobilidade reducida.

Non poderán ser beneficiarias deste programa aquelas persoas que tivesen concedido o Programa do bono alugueiro social sen financiamento do Pacto de Estado, acolléndose ao suposto de vítima de violencia de xénero, nos tres anos anteriores á data de presentación da correspondente solicitude, agás que perdesen o dereito por non ter xustificada a concesión da subvención coa presentación do contrato ou que esgotasen o período máximo de desfrute ordinario do Programa do bono de alugueiro social sen financiamento do Pacto de Estado.

Límites máximos de ingresos

Os ingresos ponderados da unidade de convivencia da persoa solicitante non deberán superar, segundo o nº de membros, os límites máximos de ingresos que se especifican no seguinte cadro

Nº de membros da unidade de convivencia

Límites máximos de ingresos
1,5 veces (IPREM 2019 en 14 pagas ponderado. Valores mensuais)

1751,96 €
21.044,39 €
31.174,94
41.342,78
5 ou máis1.566,58

Ás unidades de convivencia en que algún dos seus membros sexa unha persoa con discapacidade, nas condicións establecidas na normativa reguladora do IRPF, aplicaráselles o límite máximo de ingresos do tramo seguinte ao que lles correspondese, segundo o número de persoas que a integren.

No caso de mulleres xestantes, o/a fillo/a ou fillos/as concibidos e non nados contarán como membros da unidade familiar. Igual tratamento terá a acreditación de adopción en trámite.

No caso de que as axudas se soliciten por unha unidade de convivencia composta por máis dunha unidade familiar, os ingresos de cada unha delas sumaranse e o resultado deberá estar comprendido dentro do límite máximo de ingresos para acceder a este programa.

Renda das vivendas

A renda mensual máxima non pode superar os seguintes importes:

  1. 450 euros, para as vivendas situadas nos seguintes concellos: A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.
  2. 400 euros, para as vivendas situadas nos seguintes concellos:

– Provincia da Coruña: Ames, Ares, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Cee, Cedeira, Culleredo, Fene, Melide, Mugardos, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Ribeira, Sada e Teo.

– Provincia de Lugo: Burela, Cervo, Chantada, Foz, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba, Viveiro,

– Provincia de Ourense: Allariz, A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia.

– Provincia de Pontevedra: A Estrada, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, Gondomar, Lalín, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Redondela, Sanxenxo, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

  1. 350 €, para as vivendas situadas no resto de concellos.

Contía de cada bono alugueiro:

  • 225 euros mensuais para vivendas situadas nos concellos enumerados na letra a. do apartado anterior.
  • 200 euros mensuais para vivendas nos concellos da letra b.
  • 170 euros mensuais para vivendas nos concellos da letra c.

Estas contías poderán ser incrementadas ata un 20 % no caso de que as persoas arrendatarias sexan integrantes dunha unidade de convivencia que necesite unha vivenda adaptada para algún dos seus membros.

No suposto de que a persoa beneficiaria non dispoña de contrato de alugamento no momento da concesión, recoñeceráselle inicialmente unha axuda por importe de ata un máximo de 225 euros mensuais, condicionada á achega do correspondente contrato. A contía definitiva  virá determinada en función do concello en que estea situada a vivenda.

Se o importe da axuda superara ao da renda da vivenda, reaxustarase ata a dita cantidade.

Periodicidade e duración

A axuda ten carácter anual, cada unidade de convivencia só poderá percibir unha subvención de doce bonos mensuais consecutivos, pero será susceptible, dun máximo de dúas prórrogas ordinarias sucesivas, de doce meses cada unha, ata acadar unha duración máxima de trinta e seis meses.

Axuda complementaria

Poderase solicitar unha axuda complementaria, de ata 600 euros, no suposto da inmediata formalización dun contrato de alugamento, para constitución de fianza e alta en subministracións. Esta axuda só se concederá unha vez, con independencia do número de contratos que se formalicen e do dereito á prórroga que, de ser o caso, se poida ter.

Compatibilidade e incompatibilidade

Compatibles coas axudas desta ou doutras administracións públicas, así como de calquera outra entidade, xa sexa pública ou privada, sempre que o importe total concedido por todas elas non supere o custo da renda do contrato de alugamento. En particular, estas axudas serán compatibles coas que perciban as persoas beneficiarias por mor da situación de violencia de xénero.

Incompatible coas axudas ao alugamento de vivendas convocadas pola Comunidade Autónoma de Galicia ao abeiro dos plans estatais de vivenda, así como coa percepción da axuda do Programa do bono de alugueiro social sen financiamento do Pacto de Estado.

Documentación

 Solicitude de concesión inicial (VI482C) Só se admitirá unha única solicitude por cada unidade de convivencia, salvo nos supostos en que as vítimas sexan as fillas e/ou fillos menores de 30 anos. No caso de presentar máis dunha solicitude, só se tramitará a primeira das presentadas, e consideraranse por inadmitidas todas as demais.

  1. Documento acreditativo da representación da persoa que actúe como representante, de ser o caso. A representación deberase acreditar a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito.
  2. Anexo III, de comprobación de datos das persoas que integran a unidade de convivencia, distintas da persoa solicitante. No caso de que unha unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar, deberase cubrir un anexo III por cada unha delas.
  3. Anexo IV, de compromiso das persoas asinantes do contrato de alugamento de someterse ás condicións do Programa de bono de alugueiro social. Nel indicarase nº de conta bancaria de titularidade da persoa arrendadora en que se realizará o ingreso da subvención mensual do bono de alugueiro social, e o nº de conta da persoa arrendataria en que se realizará o ingreso, de ser o caso, da axuda complementaria.
  4. Informe dos servizos sociais do concello en que está empadroada a persoa solicitante (anexo V); Neste informe deberá constar a data de cesamento da convivencia, con base na documentación de que se dispoña ou da declaración da persoa solicitante. No caso das fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, deberá facerse constar neste informe a filiación da persoa solicitante respecto da vítima de violencia de xénero, así como a situación de dependencia económica da nai e/ou do agresor no momento do falecemento.
  5. Contrato de alugamento da vivenda cunha duración mínima dun ano e con mención expresa da referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos. De non telo formalizado no momento de presentación da solicitude, presentarase na área provincial do IGVS no prazo de dous meses, contado desde a notificación de concesión da axuda, xunto co do xustificante de empadroamento conxunto da unidade de convivencia nesa vivenda e do anexo IV, referido na letra c)
  6. Xustificante de empadroamento conxunto de todas as persoas integrantes da unidade de convivencia, expedidos dentro dos tres meses anteriores á data da presentación da solicitude.
  7. No caso de nai xestante, certificado médico ou documentación que acredite o citado estado.
  8. De ser o caso, certificado acreditativo da situación de adopción en trámite.
  9. Certificado de discapacidade da persoa solicitante e dos demais membros que integran a unidade de convivencia, no caso de non ser expedido pola Xunta de Galicia.
  10. Documentación acreditativa da condición de muller vítima de violencia de xénero ou, de ser o seu caso, de vítima de trata con fins de explotación sexual: Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, testemuño ou copia autenticada; sentenza aou documento xudicial; Informe do Ministerio Fiscal; Informe das forzas e corpos de seguridade; Informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública; Informe dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local en que se recolla a dita condición de vítima de violencia de xénero ou de vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, e a data en que se produciu o cesamento da convivencia ou da situación de dominación, respectivamente.

Solicitudes de concesión de prórroga (VI482D)

  1. Anexo III, de comprobación de datos das persoas que integran a unidade de convivencia, distintas da persoa solicitante, no caso de que a unidade de convivencia estea integrada por máis dunha persoa.
  2. Anexo V, modelo de informe dos servizos sociais públicos de Galicia, en que se faga constar que subsisten as condicións de necesidade que deron lugar á concesión inicial, así como os ingresos da unidade de convivencia dos tres meses anteriores á data da solicitude de prórroga.
  3. Anexo VI, de declaración da persoa arrendadora da vivenda de que a persoa arrendataria non ten ningunha reclamación pendente por non pagamento das rendas e/ou subministracións.
  4. Declaración formalizada polas persoas asinantes do contrato de arrendamento de que este se prorrogará nas mesmas condicións que o anterior.

Lugar de presentación

Prazo

Ata o día 11 de decembro de 2020 e, en todo caso, co esgotamento da partida orzamentaria

Causas de denegación

  • Incumprimento dalgún dos requisitos exixidos na normativa que rexe estas subvencións.
  • Solicitudes en que no informe social se sinale que as persoas que integran a unidade de convivencia incumpriron reiteradamente as normas da comunidade de propietarios.
  • Solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. O criterio que se utilizará para a súa tramitación será a orde cronolóxica de entrada da solicitude no rexistro do IGVS validamente presentada e coa totalidade dos documentos exixidos.

Xustificación da subvención

Realizarase mediante o correspondente contrato de alugamento, nos seguintes termos:

  • No suposto de que a renda de alugueiro sexa superior ao importe da axuda, a persoa beneficiaria deberá xustificar o pagamento da súa parte da renda mensual mediante a achega do extracto ou certificado bancario que acredite o pagamento que lle corresponde satisfacer, no número de conta sinalado pola persoa arrendadora. Esta xustificación realizarase utilizando o modelo para a achega de documentación xustificativa dispoñible na Carpeta cidadá, que poderá presentar electronicamente, ou ben na área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda, dentro dos dez primeiros días naturais de cada mes.
  • No suposto de que a renda de alugueiro sexa igual ou inferior ao importe da axuda nesa zona territorial, a persoa arrendataria deberá acreditar, dentro dos dez primeiros días naturais de cada mes de vixencia do contrato de arrendamento, na área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda que segue residindo na vivenda alugada mediante a presentación dunha declaración responsable.

A axuda complementaria xustificarase coa acreditación da constitución do depósito da fianza no IGVS, que comprobará a área provincial, e cos contratos de altas nas subministracións, que se debe presentar na área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda dentro do prazo de dous meses, contado desde a data de notificación da concesión da subvención.

Cambio de domicilio

Se durante a vixencia da concesión inicial ou das sucesivas prórrogas a persoa beneficiaria da axuda cambia o seu domicilio dentro da Comunidade Autónoma de Galicia e subscribe un novo contrato de arrendamento de vivenda, quedará obrigada a comunicar o dito cambio á área provincial do IGVS que tramitou a concesión inicial ou a respectiva prórroga, no prazo máximo de cinco (5) días, contado desde a sinatura do novo contrato de arrendamento, e achegar:

  1. O novo contrato de arrendamento de vivenda, cunha duración mínima dun ano e con indicación expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.
  2. O xustificante de empadroamento conxunto dos membros da unidade de convivencia na nova vivenda.
  3. Compromiso das persoas asinantes do contrato de arrendamento de someterse ás condicións do programa do bono de alugueiro social.
  4. Declaración da persoa arrendadora do anterior contrato de que a persoa arrendataria non ten ningunha reclamación pendente por non pagamento das rendas e/ou das subministracións.

A persoa beneficiaria non perderá o dereito á subvención polo cambio de domicilio, sempre que co novo arrendamento se cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras e na convocatoria e o novo contrato de arrendamento se formalice sen interrupción temporal co anterior.

A subvención reaxustarase en función do concello onde se localice a nova vivenda, sen que en ningún caso poida recibir máis subvención da que viña percibindo.

Perda e reintegro da subvención

Serán causas de perda e posterior reintegro da subvención, ademais dos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 xuño, o restablecemento da convivencia co agresor, así como a resolución do contrato de arrendamento subvencionado, salvo no suposto de cambio de domicilio.

Cita previa
Sede Electrónica
Pagos en liña
Directorio Empresarial
Escoitámoste
Liña directa co alcalde
Axenda
- 2024 +
- decembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

Perfil de contratante
Boletíns
SEA- Suelo Empresarial del Atlántico Páxina web das familias galegas Quérote
COOKIES
Este sitio utiliza cookies para proporcionar os nosos servizos e realizar análisis de uso e de medición de nosa web. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, pulsando na nosa Política de Cookies | ACEPTAR X