05-03-2020
8M Día da muller - SUPERANDO OBSTÁCULOS
Podemos pensar que a desigualdade mingua e a igualdade medra, pero a realidade deste último parecer aínda pinta moi alonxada. Á vista está que as mulleres, nada máis por ser mulleres, a miúdo se ven na obriga de facer un sobre-esforzo, para ser quen de acadar uns mesmos obxectivos, que de non ser muller, terían acadado dunha maneira moito máis doada.
Por este motivo, nos vemos na necesidade de seguir mostrando e visibilizando todas esas trabas e impedimentos, que lonxe de empoderala, seguen retardando enormemente as súas andadas.
Para simbolizar algunhas destas trabas e impedimentos temos organizado para este venres, unha carreira de obstáculos na que participará todo o alumnado de primaria dos CEIP San Vicenzo e de Baíñas, e a que tamén vos invitamos a ver e a participar.
A proba terá lugar na praza do concello ás 12 horas e durante a mesma, o alumnado terá que saltar, sortear, reptar… ata conseguir SUPERAR unha chea de OBSTÁCULOS que virán simbolizando todas esas trabas e impedimentos que as MULLERES viñeron sorteando ao longo da historia.
Obstáculos como as cargas familiares e domésticas, a invisibilidade da súa valía e do seu traballo, a brecha salarial e o teito de cristal, o acoso e a violencia de xénero. Todo isto baseado na existencia dos estereotipos de xénero, así como na educación sexista e no mantemento dunha chea de micro machismos que fan imposible que a igualdade de xénero se faga, en verdade, real e efectiva.
SE QUERES SUPERAR ESTES OBSTÁCULOS E SUMAR EN IGUALDADE...NON FALTES!!!