01-11-2019
Xunta Local de Seguridade
O pasado 31 de outubro, a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, e a alcaldesa deVimianzo, Mónica Rodríguez, presidiron a reunión da Xunta Local de Seguridade, na que, entre outros acordos, decidiuse reactivar os diferentes órganos institucionais e policiais de loita contra a violencia de xénero.
Desde a Subdelegación do Goberno incidiron na necesidade de que a Policía Local esté efectivamente integrada no Sistema Vioxen de seguimento das vítimas xa que a pesar de que o Concello e o Ministerio do Interior asinaron un convenio neste sentido no ano 2011 non se chegou a formalizar a participación dos axentes da Policía Local neste sistema, encargándose a Garda Civil atá agora do control de todos os casos detectados no Concello.
Da mesma maneira, decidiuse tamén a reactivación da Mesa de Coordinación Policial, integrada polos representantes das forzas e corpos de seguridade, e da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a violencia de xénero, que é un instrumento operativo de traballo no que están representados todos os ámbitos municipais implicados, directamente ou indirectamente, na loita contra a violencia de xénero: representantes do Concello, Subdelegación de Goberno, Forzas e Corpos de Seguridade, ademáis de membros dos servizos sociais e doutras institucións, estamentos e servizos que poidan gardar relación coa loita contra a violencia machista.
Pilar López-Rioboo destacou a lealtade institucional, receptividade e colaboración do Concello de Vimianzo e da súa alcaldesa para incrementar tanto a coordinación como a propia loita contra a violencia machista no Concello optimizando todas as ferramentas que existen para traballar nesta temática.
Na reunión, na que estiveron representantes da Garda Civil, Policía Autonómica e Policía Local, analizouse a evolución estadística relativa á seguridade cidadá no municipio, de tal maneira que se constatou uns índices de criminalidade moi alonxados dos existentes no ámbito estatal, no que se dan 45 delitos por cada mil habitantes, cando no caso de Vimianzo non chega a 20. Esta cifra é tamén sensiblemente inferior a existente na provincia coruñesa e en Galicia, que contan cunha media de 28 e 31 delitos por cada mil habitantes. Non obstante, os representantes das forzas e corpos de seguridade, que destacaron a excelente colaboración existente entre a Garda Civil e a Policía Local, amosaron a súa preocupación pola reiteración dalgúns sucesos recentes aínda que tamén indicaron que se traballa de maneira intensa na resolución dos casos. Neste sentido, resaltaron que o índice de resolución dos delitos é tamén superior á media provincial.
Precisamente a colaboración existente é considerado un dos motivos principais para a seguridade do municipio e tanto a alcaldesa como a subdelegada confiaron que se manteña esta línea de traballo para que se poidan resolver os delitos e casos detectados.
Por outra parte, Mónica Rodríguez e Pilar López-Rioboo visitaron posteriormente a zona de Cereixo para analizar o plan municipal para habilitar un paseo fluvial que permita a recuperación medioambiental. A subdelegada do Goberno comprometiuse a trasladar o proxecto á Demarcación de Costas de Galicia.