29-09-2019
Luz verde á concesión da ampliación de prazas e de melloras nas instalacións da Escola Infantil Municipal
Queremos salientar a plena satisfacción do goberno municipal por ter acadado LUZ VERDE por parte da Consellería de Política Social da Xunta Á CONCESION DA AMPLIACIÓN DE PRAZAS E DE MELLORAS NAS INSTALACIÓNS DA ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL, ademais de agradecer persoalmente o esforzo e empeño, tanto d@s profesionais, coma d@s responsables das áreas de Obras e Benestar Social.
O expediente 2017/1585533, do 19 de xuño de 2017 atopouse paralizado durante todo este tempo pola falta de entendemento entre o Goberno anterior e a Concellería de Política Social. Segundo este expediente, que con esforzo conseguimos desatascar este verán, pasaremos de 41 a 61 prazas, dando cabida a todas as solicitudes da listaxe de agarda e de dispoñer dun novo comedor, o que supón un maior confort para os nenos e as nenas. Ademais da creación dun novo almacén e dunha sala de profesores, coa que ata agora non se contaba.
No relativo ás instalacións, o proxecto contempla a accesibilidade dos baños a persoas con discapacidade, a mellora da iluminación e da ventilación, contar cun patio de xogos pechado, a mellora das condicións hixiénicas xerais das aulas e das condicións de accesibilidade e seguridade de todo o centro.
En canto ao comedor vello, o seu uso será de sala multifuncional, e poderá acoller terapias de psicomotricidade, biblioteca, etc.
A axilización deste proxecto forma parte do núcleo programático deste goberno para favorecer a conciliación das familias e mellorar as oportunidades e a calidade de vida das nosas familias, co fin de fixar poboación e facer todo o posible para evitar a desertización poboacional do Concello de Vimianzo.