27-09-2019
O Concello de Vimianzo impulsa unha xornada de asesoramento para a instalación de naves no parque empresarial
- Haberá atención individualizada con técnicos de Suelo Empresarial del Atlántico e co arquitecto municipal
- As persoas emprendedoras interesadas poderán solicitar a súa cita no Departamento de Promoción Económica ou on line
- A data de realización é o 28 de outubro (ampliable ao 29 se hai demanda)
Despois da recente visita da Xerente de SEA (Suelo Empresarial del Atlántico), Beatriz Sestayo, a Vimianzo, iniciáronse as xestións para artellar unha xornada de asesoramento individual a persoas empresarias ou emprendedoras interesadas en investir no Parque Empresarial de Vimianzo.
Mónica Rodríguez Ordóñez, alcaldesa de Vimianzo, insiste no interese do actual goberno municipal por dinamizar esta infraestructura e loitar con fórmulas diversas por conseguir o asentamento de novas compañías.
Esta xornada de asesoramento personalizado quere dar resposta a moitas das preguntas que se fan os inversores, preocupados por cuestións relativas ao terreo útil de cada parcela, aos requisitos urbanísticos, ás dotacións, etc.
O prazo de solicitude de cita estará aberto entre os días 2 e 23 de outubro. Poderase acudir ao Departamento de Promoción Económica ou empregar o formulario on line que se acompaña. Despois comunicaranse os horarios de cita asignados.
Ligazóns