24-09-2019
O Concello de Vimianzo presenta a programación infantil do Auditorio da Casa da Cultura para os meses de outono
O Concello de Vimianzo presenta a programación infantil e familiar do Auditorio da Casa da Cultura para os meses de outubro, novembro e decembro.
O vindeiro domingo, 29 de setembro comeza no Auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo a programación infantil e familiar, Outono Rebuldeiro, no que os protagonistas serán os máis pequenos. As seis actuacións deste Outono Rebuldeiro serán de balde os domingos as 18:30h.
O 29 de setembro Mere Clown, achegaranos A verdadeira Historia de Hamelín, un espectáculo de clown e adaptación circense do clásico conto “O frautista de Hamelín”, dentro do programa de dinamización da lectura da Xunta de Galicia Ler conta moito.
O 6 de outubro será a quenda de A Xanela do Maxín que interpretarán con monicreques e música en vivo o coñecido conto A Toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza de Werner Holzwarthe traducido ao galego por Kalandraka. Recomendada para nenos e nenas dende os 2 anos.
O 20 de outubro Fran Amil e a súa guitarra acústica falará e cantará cos monstros que habitan nos dous discos de Chuches Amil.
O 3 de novembro Baobab Teatro con Puño Puñete convida a rapazada e aos seus papás e mamás a descubrir un mundo de sensacións e emocións. Puño Puñete é un espectáculo de música en directo, cantigas, contos e tradición oral.
O 17 de novembro Trémola Teatro representará Valente e Rebelde onde os nenos e nenas poderán descubrir a escritora Astrid e a súa incrible personaxe atemporal, Pippi Calzaslargas.
O 1 de decembro pecharase a programación co espectáculo familiar de Malasombra Producións, Os fabulosos Cleaners e o público sorprenderase e gozará dunha sorprendente obra onde as protagonistas son as pompas de xabón.
Ademais dentro do programa Ler conta moito hai programadas actuacións destinadas ao alumnado dos centros de ensino do concello para celebrar o día da Biblioteca, o 24 de outubro. O Mago Pedro Bugarín e o Mago Paco sorprenderán á rapazada con historias cheas de maxia a través dos contos.
Nos vindeiros días presentarase a programación dos sábados de outono destinada a público adulto.