Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O alcalde do Concello de Vimianzo, Manuel Antelo, acaba de asinar co propietario da parcela na que se atopan os petróglifos de Boallo, na parroquia de Berdoias a cesión de parte da dita finca.
A cesión terá unha duración de 25 anos e a superficie cedida é superior aos 8000m2.
Os petróglifos de Boallo foron descubertos en 1997, de maneira casual no transcurso dunha xornada de caza. Este petróglifo responde claramente á tipoloxía de combinacións circulares, o grupo máis característico dos gravados galegos.Trátase dun petróglifo composto de varios motivos circulares cadanseu cunha cazoleta e un só círculo. Os máis grandes do conxunto, concretamente dous, son moi parecidos na forma e tamaño, estando composto por catro círculos, unha cazoleta central e un radio que comunica esta co círculo externo ou derradeiro.Actualmente contan coa máxima protección arqueolóxica e cultural pois están declarados BIC.
O alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo, mostra a súa satisfacción por acadar a cesión destes elementos tan importantes para o patrimonio do Concello.
Antelo anuncia que dende o Concello se está a traballar nun proxecto de posta en valor e protección deste importante elemento patrimonial.
O alcaldequere agradecerlle aos propietarios a boa vontade e as facilidades coas que se desenvolveu a negociación dacesión.
A cesión destes petróglifos ao Concello de Vimianzo súmase á recente compra do dolmen de Pedra Cuberta por parte do Concello.
Para Antelo este é o camiño a seguir no seu obxectivo por contribuír á posta en valor, á conservación e ao aproveitamento dos elementos patrimoniais como creadores de riqueza e dinamizadores económicos do territorio.