Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
Os 36 equipos que participan na Copa da Costa coñeceron a folla de ruta da competición nun sorteo moi especial ao que a Real Federación Galega de Fútbol quixo darlle o realce que se merece este torneo que se vive dunha maneira moi especial en todos os clubs e concellos da Costa da Morte.
O acto celebrouse no patio de armas do Castelo de Vimianzo, gracias á colaboración do Concello. Asistiron case a totalidade dos equipos da Costa e tamén foron invitados os dous que van a disputar a primeira edición da Copa feminina, o Bergantiños e As Miudas.
Un grupo de gaitas deu inicio a un acto que foi presentado por José Mira, xornalista de Radio Nordés (Cadena Ser).
Silvia Cancela, directiva da Federación representante da Costa, deu as gracias ó alcalde de Vimianzo e a todos os asistentes por respaldar a aposta que desde a Federación se está a facer polo fútbol costeiro.
O alcalde de Vimianzo agradeceu á RFGF a elección deste emblemático lugar para realizar este sorteo pioneiro e tan especial.
O sorteo comezou coas catro eliminatorias previas para dese modo quedar os 32 equipos que compoñerán os 1/16 de final, rolda que tamén quedou sorteadas, así como os emparellamentos de 1/8. Cando se coñezan os oito clasificados para cuartos procederase a realizar un novo sorteo.
Manolín e Manín, dous referentes do fútbol da Costa, foron as mans inocentes encargadas de sacar as bolas nun sorteo ó máis puro estilo Champions.
Premios "Paixón polo fútbol da Costa"
O acto tiña reservado un momento moi especial. A RFGF quixo recoñecer a tres mitos do fútbol costeiro: Doro, que non puido asistir, como o xogador con máis títulos (7); Manín, o xogador con máis finais disputadas (8, 5 delas gañadas); e Manolín, o Rei de Copas (9 títulos, 2 como xogador e 7 como adestrador). Marta Calvo tamén foi premiada por ser a primeira xogadora con licenza nun club da Costa (Outes FC) convocada por unha selección galega.
E tamén houbo tres recoñecementos especiais a persoas e medios polo seu traballo de difusión e promoción da Copa da Costa: Fran Hermida (Cadena Ser), José Manuel Ferreiro e Que pasa na Costa.
O presidente da Federación agradeceu ó Concello de Vimianzo a súa colaboración, desexou sorte ós 36 participantes e puxo en valor a maneira na que se vive o fútbol en todos os clubs e concellos da Costa da Morte e sobre todo agradeceu o traballo que realizan todos os directivos que son os auténticos heroes do fútbol modesto.
Poden acceder a unha reportaxe fotográfica do evento nesta ligazón: Fotografías Sorteo Copa Costa