Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
A Sala de Exposicións Antón Mouzo abre de novo as súas portas a outro artista vimiancés. O pintor Xurxo Martiño, Martín Costa Pérez, nacido en Caxadas (Cambeda) triunfa cos seus cadros dentro e fóra de Galicia, con numerosos premios e exposicións no seu currículo, mais ata o de agora tan só expuxera unha vez na súa terra natal, hai xa máis de trinta anos.
Con esta exposición, que foi inaugurada o pasado sábado e continuará aberta ata o 31 de marzo, o concello de Vimianzo quere facerlle un recoñecemento ao artista e ao mesmo tempo facer posible que os seus veciños e veciñas poidan coñecer unha mostra da súa obra, sen ter que saír de Vimianzo.
No acto de inauguración, Martiño estivo acompañado polo historiador, e presidente do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, Xosé Mª Lema; polo poeta fisterrán Alexandre Nerium; e polo alcalde de Vimianzo. Unha vez rematado o acto no auditorio, no que tamén participou Mara Costa, filla do pintor, Xurxo Martiño e Manuel Antelo foron os encargados de abrir a exposición para que os veciños e veciñas que se achegaron á Casa da Cultura arroupar o pintor, puidesen contemplar os cadros.
Ao igual que na exposición de Antón Mouzo, o concello organizará visitas guiadas para escolares á Exposición de Xurxo Martiño, nas que o propio pintor será o encargado de guiar pola súa obra, poñendo en práctica a súa outra faceta profesional. O alcalde de Vimianzo lembrou que a Sala de Exposicións nacía co fin de abrirse aos artistas locais, para que estes tiveran a oportunidade de mostrar a súa arte, pois en Vimianzo estamos orgullosos do noso.