Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
O Concello de Vimianzo lanza unha campaña para promover que se agasalle artesanía no Nadal. Na Mostra de Artesanía ao Vivo do castelo pode atoparse unha gran diversidade de produtos feitos a man, ademais de poder ver como se elaboran. Encaixe, liño, xoiaría, cestería, maquetería de barcos, olería, trenzado en palla ou mesmo coiro son algúns dos elementos que se poden mercar, desde os formatos máis tradicionais aos máis innovadores. A campaña “Polo Nadal eu quero artesanía” é un xeito de promover o desenvolvemento local, apoiando os saberes tradicionais e a tradición da comarca como un ben patrimonial intanxible a potenciar e protexer.
A Mostra ao completo pode visitarse todos os fins de semana, pero este sábado 8 de decembro terá lugar unha xornada especial. O espazo lucirá dunha forma especial, con propostas de decoración enxeñosas por parte dos artesáns e do Concello. Ademais amplíase o horario de apertura até as 21h nunha tarde festiva de Nadal na que ademais de ver aos artesáns en plena acción, repartirase chocolate e poderase subir á muralla do castelo de noite, algo que non se pode facer habitualmente. Para iso haberá visitas en grupos reducidos que poderán ter a oportunidade de ver as vistas do castelo e o Val de noite.
Ademais, durante esta ponte amplíase o servizo de visitas guiadas. Haberá xoves, venres, sábado e domingo visitas ao Castelo (12h e 17h) e aos Batáns e muíños do Mosquetín (11h e 16h). Neste último caso a visita é especialmente interesante nesta época xa que debido ao abundante caudal de auga pode verse como funciona un muíño e sobre todo, os batáns, que no resto de ano non poden moverse.