Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
Manuel Antelo, alcalde do Concello de Vimianzo, valora o I Simposio sobre o Castelo de Vimianzo que se desenvolveu durante a pasada fin de semana como un éxito rotundo xa que participaron ao redor dun cento de persoas, os especialistas explicaron a historia do Castelo, alumeando algunhas zonas escuras e presentouselle á cidadanía o proxecto de futuro para a fortaleza.
Nas sesións do venres pola tarde o historiador Xosé María Lema Suárez achegounos unha visión xeral da fortaleza e da súa historia e a filóloga Laura Suárez Llano achegounos á figura dun dos seus moradores máis ilustres do poeta do Rexurdimento Evaristo Martelo Paumán.
A última do venres o alumnado do IES Terra de Soneira desenvolveu un recital poético no que os versos de Martelo volverona resoar entre as paredes do vello castelo.
O sábado Carlos Galván falounos acerca dos distintos propietarios polos que pasou o castelo e de como foron deixando pegadas na construción.
A continuación o arqueólogo Iñaki Vilaseco explicou como se desenvolveron algunhas das campañas e controis arqueolóxicos na fortaleza, o que nelas se atopou e como a fortaleza se foi transformando a medida que a sociedade tamén o facía.
O profesor da USC, Carlos Barros achegounos ao Irmandiños. Explicounos a súa composicións, a súa organización e o seu desenvolvemento.
Ao mediodía as persoas participantes desprazáronse até o Castelo onde, despois dunha visita guiada ao mesmo, degustaron unha selección de petiscos de inspiración medieval.
Xa pola tarde abriron a xornada Carlos Aymerich, Emilio Grandío, Bernardo Máiz e Luis Lamela, que falaron acerca da expropiación levada a cabo polo Concello de Vimianzo no ano 1936 e da represión exercida polo réxime franquista a raíz, fundamentalmente, deste feito.
Pecharon as sesións do congreso Manuel Antelo, alcalde de Vimianzo, Xesús Soto, deputado provincial e César Abella, de Trivium
Nesta última sesión debuxáronse as inciativas a curto e medio prazo para o Castelo de Vimianzo.
O alcalde anunciou que nun breve período de tempo comezarán as obras de adecentamento da zona oeste do Castelo, adaptándoa coma un parque con sendeiros. Estas obras teñen como obxectivo a posta en valor da contorna do Castelo e a súa integración na vila de Vimianzo.
O deputado Xesús Soto, anunciou o compromiso da Deputación da Coruña de colaborar nas obras de mellora e posta en valor da fortaleza. Anunciou que o Pleno da Deputación da Coruña dera luz verde a unha axuda de máis de 260.000 para executar estas intervencións.
César Abella explicou o Plan director do Castelo, no que se proxecta o futuro da fortaleza máis a longo prazo.
As xornadas remataron pola noite, no patio da fortaleza cun emotivo concerto-homenaxe do grupo Barahunda e a actriz Tero Rodríguez a todas as persoas represaliadas pola ditadura franquista.
Para o alcalde, Manuel Antelo, o desenvolvemento deste simposio ten que axudar á posta en valor do Castelo de Vimianzo e ao inicio de accións que axuden a este fin, tal e como sucedeu con congresos e simposios anteriores.
Recorda o alcalde que o congreso sobre os castros foi fundamental á hora de iniciar as escavacións no Castro das Barreiras ou o congreso sobre o megalitismo foi o punto de partida para a adquisicion por parte do Concello dos monumentos megalíticos de Vimianzo. Antelo recorda que recentemente o Concello de Vimianzo adquiriu a propiedade do dolmen de Pedra Cuberta e ten apalabrado outro monumento que nestes momento está pendente de escrituralo.
Poden acceder a fotografía do simposio nestas ligazóns:
https://www.facebook.com/pg/castelodevimianzo/photos/?tab=album&album_id=1947087148921775
https://www.facebook.com/pg/castelodevimianzo/photos/?tab=album&album_id=1947266975570459