Que é o Desenvolvemento sustentable?
Foi nos anos 70 cando se formulou por primeira vez o concepto de ecodesenvolvemneto (Maurice Strong, 1973), entendéndose o mesmo como un desenvolvemento socialmente xusto, ecoloxicamente compatible e economicamente viable. Pero é a partir da segunda metade dos anos oitenta, e principalmente a partir do chamado "Informe Brundtland" (O noso futuro común, 1987), cando se xeralizou un novo concepto, o de desenvolvemento sustentable, entendéndose o mesmo como un obxectivo social que desexaba todo o mundo.
Á vez que se ía estendendo a preocupación por chegar a unha sustentabilidade na nosa sociedade, quedaba implícita a insostenibilidade do noso actual modo de vida.
O concepto de desenvolvemento sustentable expresa unha idea fundamental: que debemos satisfacer as nosas propias necesidades sen comprometer a capacidade das xeracións futuras para satisfacer as súas. Noutras palabras, non debemos vivir hipotecando o futuro das xeracións vindeiras.
Cales son os principios do desenvolvemento sustentable?
A partir do traballo realizado por filósofos e economistas como Herman E. Daly, xorden seis principios ou criterios operativos de desenvolvemento sustentable, os cales se resumen no seguinte cadro:
- Principio de irreversibilidade cero: este principio trata sobre a necesidade de reducir a cero as intervencións acumulativas e os danos irreversibles.
- Principio da recolección sustentable: versa sobre a igualdade no gasto e a xeración de recursos, é dicir, as taxas de recolección dos recursos renovables deben ser iguais ás taxas de rexeneración destes recursos.
- Principio do baleirado sustentable: é dicir, a explotación de recursos naturais non renovables é case sustentable a condición de que a súa taxa de baleirado sexa igual á taxa de creación de substitutos renovables.
- Principio de emisión sustentable: implica que a taxa de emisión de residuos debe ser igual á capacidade natural de asimilación dos mesmos por parte dos ecosistemas aos que se emiten eses residuos. Este principio trae implícito que a emisión de residuos non biodegradables debe ser igual a cero.
- Principio de selección sustentable de tecnoloxías: débese ao uso de tecnoloxías que aumenten a produtividade dos recursos (o volume de valor estraído por unidade de recurso) fronte a aquelas tecnoloxías que incrementan a cantidade extraída de recursos (eficiencia fronte a crecemento).
- Principio de precaución: fronte á magnitude dos riscos aos que nos enfrontamos, imponse unha actitude de prevención. Debemos anticiparnos para identificar e destacar as accións ou vías que poderían levar a desenlaces catastróficos, aínda que a probabilidade dese suceso pareza pequena e as vías alternativas sexan máis difíciles ou custosas.
Que podemos facer para contribuír ao Desenvolvemento Sustentable?
- Fomentar a presenza de biodiversidade nas hortas e montes, fomentando o desenvolvemento de especies autóctonas (castiñeiros, carballos, ameneiros...).
- Usar materiais libres de substancias contaminantes, minimizar as embalaxes, etc.
Enerxía: - Usar e manter sistemas de aforro de electricidade (non deixar luces acesas, utilizar lámpada de baixo consumo), controlar as perdas de calor, etc.
- Utilizar sistemas eficientes e de aforro da auga.
- Reducir, reutilizar e reciclar os residuos xerados.
Contaminación: - Diminuír a xeración de substancias contaminantes do aire (sprays), reducir a contaminación acústica, asegurar a boa aireación das zonas de uso, etc.
Transporte:- Reducir o uso de vehículos particulares, fomentar o transporte público.
Un concello sustentable é: - Un concello XUSTO, onde a xustiza, os alimentos, o cobixo, a educación, a sanidade e as posibilidades se distribúan debidamente e onde todos os seus habitantes se sintan partícipes do seu goberno;
- Un concello BONITO, onde a arte, a arquitectura e a paisaxe fomenten a imaxinación e removan o espírito;
- Un concello CREATIVO, onde a amplitude de miras e a experimentación mobilicen todo o potencial dos seus recursos humanos e permita unha máis rápida capacidade de resposta ante os cambios;
- Un concello ECOLÓXICO, que minimice o seu impacto ecolóxico, onde a relación entre espazo construído e paisaxe sexa equilibrada e onde as infraestruturas utilicen os recursos de maneira segura e eficiente;
- Un concello QUE FAVOREZA O CONTACTO, onde o espazo público induza á vida comunitaria e á mobilidade dos seus habitantes e onde a información se intercambie tanto de maneira persoal como informaticamente;
- Un concello COMPACTO E POLICÉNTRICO, que protexa o campo de arredor, centre e integre ás comunidades no seo de veciñanzas e optimice a súa proximidade;
- Un concello DIVERSO, no cal o grao de diversidade de actividades solapadas anime, inspire e promova unha comunidade humana vital e dinámica. (cita extraída da publicación Cities for a small planet, Richard Rogers, 2000)
Ligazóns