Cultura Castrexa
O espazo xeográfico no que se desenvolve esta cultura está situado no noroeste da Península Ibérica, actuando como lindes o Océano Atlántico, o río Douro e as montañas do leste galaico. Algúns investigadores distinguen catro etapas cronolóxicas nestes asentamentos:
- Final da Idade de Bronce (séc. XIII-IV a.C.). Levántanse vivendas de forma circular construídas con vexetais.
- Ata a chegada de Décimo Xuño Bruto (300-137 a.C.). Casas circulares de pedra. Desenvólvese a ourivería.
- Dende Décimo Xuño Bruto ata a chegada de Augusto (137-29 a.C.). Pola influencia dos romanos xa aparecen edificacións de planta cuadrangular. Aparecen os muíños circulares de man para o gran.
- Dende Augusto ata a época de Vespasiano (72-15 a.C.). Apréciase a influencia da arquitectura romana e os teitos vexetais empezan a ser substituídos por tella. Aparecen diante das vivendas espazos semipechados a modo de patio.
A pegada máis destacada desta etapa no noso concello é a toponimia, chamando a atención nomes de lugares como Castrobuxán, Castrelo, Castro e Castromil, que fan clara referencia á existencia de castros nestes enclaves.
O investigador Xerardo Agrafoxo Pérez,na súa obra
O poboamento castrexo na rexión occidental da provincia da Coruña, identifica dez castros en Vimianzo: Cruado (Cereixo); Castrobuxán (Calo); Oróns (Bamiro); Sandrexo (Treos); Castro (Salto); Trasouteiro (Vimianzo); As Barreiras (Cambeda); Vilaseco (Castrelo); Furaca (Baíñas) e a Bouza (Baíñas).
O castro das Barreiras, aínda que se encontra sen escavar, destaca sobre o terreo que o rodea e ocupa unha superficie aproximada de 4000m2.
O castro do Cruado, na parroquia de Cereixo, leva consigo unha antiga lenda que os veciños aínda lembran hoxe en día. O dito di: “Cruado, Cruado, quen me dera o teu reinado”. Cóntase que no lugar se dan sucesos de difícil explicación. Segundo a tradición popular nese monte os mouros (personaxes de lenda moi habituais no imaxinario galego), gardaron un tesouro nun caldeiro e aquel que intentou atopalo sufriu estraños accidentes.