A obra gráfica Unha historia de Vimianzo narra a través de ilustracións a historia das terras de Vimianzo. Un percorrido que parte do neolítico até a actualidade , trazando unha liña de sucesión temporal para contarnos a vida dos homes e mulleres que habitaron o territorio, a partir dos achados arqueolóxicos e o numeroso patrimonio histórico espallado por todo o Concello de Vimianzo.
O proxecto encargado por parte do Concello e editado coa colaboración da Deputación da Coruña, pretende achegar a interesante historia destas terras a toda a veciñanza, dende os máis pequenos aos maiores cun formato atractivo, ameno e moi coidado.
As ilustracións, preparadas polo autor vimiancés Rubén Rial, destacan pola profusión de detalles que denotan un importante traballo de documentación, alegre colorido e un suxestivo estilo propio do debuxo e banda deseñada. Un grafismo cun alto potencial didáctico, como xa está a amosar a actividade do Castelo, Unha visita ilustrada, destinada á cativada con ilustracións do mesmo autor. No libro, tamén participou o divulgador cultural Manuel Rial, como asesor e autor dos textos.
Descargas