A morte do xornalista Celso Collazo Lema (92 años) pecha dalgún xeito unha lista selecta de grandes corresponsais internacionais que contribuíron decisivamente á apertura informativa en España. Collazo formou parte da chamada “xeración intermedia” que nos informou da marcha do mundo desde a posguerra mundial ata os primeiros anos de democracia en España. En concreto, el fíxoo como delegado da Axencia EFE en Londres (1957-68), Moscú (1970-75), Nova York (1975-77) e Washington (1980-82). Contribuíu máis á innovación tecnolóxica desta axencia coa incorporación dos sistemas máis avanzados entre a súa competencia no mundo, tanto na elaboración de noticias como na súa transmisión.
Xornalista de moi vasta cultura, Celso Collazo donou o ano pasado os 17.000 volumes da súa librería persoal (o 80% deles en inglés) á Biblioteca Xeral de Galicia. Foron os textos que o acompañaron case ata o final dos seus días no chalé no que vivía en Guadalix de la Sierra (Madrid) e desde onde seguía con puntualidade a actualidade do mundo e onde recibía a numerosos colegas nacionais e internacionais.
Nacido en Vimianzo (A Coruña) en 1921, Celso Collazo chegou a Madrid da man de Manuel Blanco Tobío e empezou a desenvolver o seu traballo xornalístico no diario Pueblo, que dirixía Emilio Romero, quen o destinou a Londres en 1957 como enviado especial. Na capital británica incorporouse a EFE cando esta axencia, dirixida por Carlos Mendo e impulsada polo ministro Manuel Fraga, empezaba a súa expansión internacional.
En 1970, Collazo converteuse no primeiro corresponsal español permanente en Moscú, desde onde informou durante cinco anos. “A miña chegada á URSS –recordaba anos despois- foi unha gran decepción, que comenzou tan pronto como me alonxei trescentos metros do hotel no que estaba e vin os estantes baleiros dunha tenda. Díixenme entón: ‘Se esta é a gran patria do proletariado, estamos ben f…’. Os rusos eran unha xente marabillosa, pero os funcionarios, moi prepotentes, eran insoportables”.
O seu destino como corresponsal seguiu en Estados Unidos, con informacións de primeiro rango nos ámbitos político, científico e cultural, entre elas unha entrevista en exclusiva co presidente Jimmy Carter, ao que acompañaría despois nunha viaxe por Europa.
Celso Collazo sempre seguiu con grande atención as noticias nacionais e internacionais, pero tamén gozaba formando a novos xornalistas que aprenderon con el, sobre todo no extranxeiro, e que sempre recoñeceron o seu maxisterio (Juan Caño, Anne Leroux, Miguel Higueras, Juan Roldán, Curri Valenzuela, etcétera). Era un infatigable conversador, cunha memoria extraordinaria.
“Cales son as claves para ser un bo corresponsal de prensa?”, pregunteille nunha ocasión. “Non hai claves –respondeu-. Hai que estar no miolo do que acontece, ter boas fontes, cultivalas todo o ano, e tamén deixarse cultivar por elas”.
Un dos seus últimos pronunciamentos públicos, como experto mediático e como defensor da súa profesión –presidiu no seu día a Unión de Periodistas-, foi contra as roldas de prensa sen dereito a preguntas. “É unha grosería –manifestou-, porque sempre se pode responder con discreción e con talento”.
Celso Collazo creía, como o seu colega e mestre Peter Tunne, que o papel esencial da información non é satisfacer o informante, senón “confortar o aflixido e aflixir o confortado”. Este principio rexeu a súa vida profesional e a el atívose sempre.
Ligazóns
Descargas