- Superficie: 9,30 Km²
- Habitantes
- Lugares: Pazos, Romarís, Tines.
A parroquia de Tines sitúase no leste do concello de Vimianzo. Limita ao norte coa parroquia de Bamiro, ao leste co concello de Zas, ao sur coa parroquia de Treos e ao oeste coa de Salto.
Tines é unha parroquia pequena dedicamda basicamente ao sector primario.
A parroquia de Tines tivo grande importancia nas idades Antiga e Media, e testemuño diso son os restos dunha necrópole romano-sueva atopado no subsolo do adro parroquial, con enterramentos desde o séc. I ao VIII d.C. Os achados romanos aquí atopados poderían corresponderse cos restos dunha antiga vila romana, segundo o investigador Chamoso Lamas, que atopou ademais sartegos pétreos e restos de enterramentos construídos con tégulas. No mesmo lugar atopouse ademais a estela funeraria de Victorino, tardorromana, posiblemente o primeiro testemuño epigráfico cristián de Galicia, datable a finais do séc. IV - principios do V. Esta tégula atópase no Museo Arqueolóxico da Coruña. No adro onde se atoparon estes restos podemos ver actualmete a igrexa parroquial, que ten adosada a antiga capela da Ermida Vella.
En canto á fidalguía local podemos falar da Casa de Romarís, situada no lugar deste nome.
Festas: Ermida Vella (8 de setembro), San Antonio (1º domingo de xullo), Santa Baia (decembro).
Os datos deste apartado foron sacados de:
A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte (varios autores, Xosé Mª Lema, coord. ),
Os mellores pazos da Costa da Morte (Xosé Mª Lema),
A arte relixiosa da Terra de Soneira (Xosé Mª Lema) e
do Instituto Nacional de Estatística (datos de poboación de 2012).