- Superficie: 13,90 Km²
- Habitantes
- Lugares: A Bouza, A Casanova, Berdoias, Boallo, Grixoa, O Petón, Pedra do Frade, Rego dos Podres, Romar, Santa Cristiña.
A parroquia de Berdoias atópase no suroeste do concello de Vimianzo. Limita ao norte coa parroquia de Vimianzo, ao noroeste coa de Carnés, ao nordeste con Cambeda, ao leste con Castrelo, ao sur e suroeste co concello de Dumbría, ao oeste co concello de Muxía e coa parroquia de Carnés.
Berdoias é unha parroquia dedicada fundamentalmente á agricultura e gandería.
A pegada megalítica desta parroquia podémola ver no dolmen coñecido como a Caseta de Freán ou Casota dos Mouros, construción rectangular datada entre o 2500 e o 2000 a.C., debido á súa forma e estrutura tumular considérase que foi parte dun grupo de antas megalíticas. Tamén se atoparon nesta parroquia petróglifos nas laxas do monte Pedrouso, en Berdoias, e no Outerio do Recosto, no lugar de Boallo. son os únicos gravados prehistóricos da Terra de Soneira.
En canto á fidalguía local en Berdoias temos as Casas dos Lema: A Casa de Berdoias, a máis antiga construción da Terra de Soneira, que data de 1607, mandada construír por Alonso de Lema; e a Casa de Boallo, construción do séc XVII actualmente en ruínas.
No lugar de Berdoias atópase a igrexa parroquial de San Pedro. Na aldea de Santa Cristiña érguese unha capela na honra desta santa, xunto cunha fonte, á que se lle atribúen poderes curativos para as vacas.
Festas: Santa Cristiña (24 de xullo), San Pedro (29 de xuño).
Os datos deste apartado foron sacados de:
A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte (varios autores, Xosé Mª Lema, coord.),
Os mellores pazos da Costa da Morte (Xosé Mª Lema),
A arte relixiosa da Terra de Soneira (Xosé Mª Lema) e do
Instituto Nacional de Estatística (datos de poboación de 2012).