Nestes momentos non hai cursos pendentes de celebración no Concello
Pintor vimiancés de gran renome comezou a súa carreira no ano 1976 na Aula de Cultura Lume na Coruña á que seguirán unha serie de exposicións individuais por diferentes cidades galegas (A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Pontevedra, Ferrol) e a participación en exposicións colectivas por diferentes lugares ao longo da xeografía española (Madrid, Málaga, Zaragoza, Guipúzkoa, Santander), europea (Lisboa –Portugal-, Adge e Lorient- Francia-) e americana (Miami, Nova York, Caracas, Bogotá, San Salvador, Santo Domingo, etc.).
Realizou ilustracións para numerosas revistas e libros, como Costa da Morte Blues, de Manuel Rivas; Imán Fisterra, de Luis Rei Núñez; Alaridos de Lino Braxe; Os faros da Costa da Morte de Xosé Mª Lema e Manolo Vilar, etc.
O cineasta galego Xavier Villaverde contou con Antón Mouzo como asesor artístico da súa película Finisterre, na que podemos ver cadros e esculturas de Antón formando parte dos decorados.
Actualmente podemos atopar a súa obra nos fondos de diferentes museos (Biblioteca Nacional de Madrid, Museo de Belas Artes da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela, Museo Carlos Maside de Sada, etc.) e nos colexios de Muxía, Zas, Corme e Lanzá (A Coruña). Desde agosto de 2011 tamén se poden ver no despacho da alcaldía do concello de Vimianzo.
A Sala de Exposicións da Casa da Cultura, inaugurada o 9 de setembro de 2011, leva o nome de Antón Mouzo.