Batáns e Muíños do Mosquetín

Estamos ante un interesante enclave de gran valor natural e etnográfico. Trátase dun conxunto de muíños e batáns construídos á beira do Río Grande e que aproveitan a forza da auga para moer o millo e para mazar a la. Non coñecemos a data de construción destes edificios, pero sabemos que a mediados do século XVIII xa estaban en pé, posto que aparecen mencionados no Catastro de Ensenada (1753).

Os batáns apareceron en Europa durante a Idade Media. Trátase de construcións nas que por medio duns mecanismos denominados folóns, baseados no aproveitamento da enerxía hidráulica, se bate o tecido ata conseguir unha peza compacta que ofrece unha mellor resistencia fronte ao frío e a chuvia.

O conxunto do Mosquetín componse de dous edificios. No que está máis preto do río temos só muíños e no outro hai muíños e batáns. Están construídos a unha altitude superior á do río que pasa ao carón, así que para o seu funcionamento foi necesaria a construción dunha represa dende a que se canalizou a auga, que debía mover os rodicios e facer traballar os folóns.

Estes muíños e batáns atopábanse a finais dos anos 80 en estado ruinoso, así que a Deputación da Coruña decidiu adquirilos e no ano 1997 emprendeu unha restauración dos edificios e do contorno que hoxe pode considerarse modélica. Actualmente os muíños e batáns son visitables e ademais é posible ver o seu funcionamento.


Visitas guiadas - Demostracións do funcionamento - Eventos

Unha industria rural conservada á beira das augas do río Grande do Porto. Á beleza da paisaxe na que se insire súmase a impresionante mostra de arquitectura tradicional na que se poden ver traballar os muíños e batáns. 

VISITAS GUIADAS VERÁN 2018

Do 23 de xuño ao 30 de setembro

  • Sábados e domingos - 11h / 18h

A visita guiada é gratuíta. O número máximo de participantes é de 25 persoas por orde de chegada. 

RESERVA DE VISITAS PARA GRUPOS

Para velos en funcionamento pódese solicitar unha visita guiada ao conxunto. Grupos de como mínimo 10 persoas. Entrada de balde. 
Información e reservas: 981 716 001 (ext 1235).  turismo@vimianzo.gal

Horario (non fechan ningún día)

Inverno: de 11 a 18 horas
Pascua: de 11 a 19 horas
Verán (XUÑO - XULLO - AGOSTO E SETEMBRO): de 10 a 20 horas

Contacto

DESCARGAS

Poderá descargar APP e folletos para ampliar información dende o apartado de DESCARGAS.

Como chegar



O Concello de Vimianzo conta co patrocinio da Deputación Provincial da Coruña para o desenvolvemento das actividades deste espazo.