25 de abril de 2024
Hoxe temos
El tiempo - Tutiempo.net
Turismo Vimianzo

CASTRO DAS BARREIRAS

O CASTRO DAS BARREIRAS

O Castro das Barreiras sitúase nas agras pertencentes ao lugar de Ogas, parroquia de San Xoán de Cambeda, á beira mesmo da estrada A Coruña – Fisterra e no perímetro do casco urbano de Vimianzo. Ten, polo tanto, unha situación central con respecto ao plano do termo municipal e actúa como porta ou delimitador de dous espazos xeográficos extraordinariamente ben caracterizados: as terras litorais do arco coñecido como Costa da Morte e os vales fluviais e grandes agras do primeiro chanzo previo á Depresión Meridiana.

O xacemento ten un emprazamento singular, xa que se ergue no centro da chaira que forma o val de Vimianzo. Aínda que non é un feito extraordinario, si que se trata dun patrón pouco frecuente para os castros do Noroeste. Non se trata do único castro do val de Vimianzo, senón que próximo ao Pazo de Trasouteiro tamén poderemos atopar o Castro de Sansobre.

A súa datación pode estipularse en torno ao cambio de era, abandonándose este castro no contexto prerromano da segunda Idade de Ferro. O atomizado e rodado dos restos cerámicos, así como a pouca altura que conservan os muros, non é froito tan só da rapiña, senón que tamén os intensos traballos de labranza que se cometeron sobre estas terras tería destruido parte dos restos arqueolóxicos.

AS ESCAVACIÓNS ARQUEOLÓXICAS

Celebráronse durante a última década varias campañas arqueolóxicas baixo a dirección de Ángel Concheiro. Grazas ao seu traballo puidemos afondar na investigación deste lugar, xa consolidado como un dos principais recursos culturais e turísticos do municipio.

A través das diferentes campañas puidemos ir descubrindo, pouco a pouco, os segredos da súa localización atípica no interior do val, a espectacularidade do seu sistema defensivo -cun ancho foxo seguido dun complexo terraplén- ou unha muralla que chega a acadar os dez metros de altura nalgunha zona, o que fan deste xacemento un importante punto de interese para a difusión da cultura galaica.

Despois dunha limpeza no 2009 acometeuse unha primeira escavación no ano 2010. Tratábase dunha actuación de sondaxes valorativos que tiña como obxectivo prioritario a achega ás características do seu rexistro arqueolóxico e un primeiro encadre cronolóxico cultural. Aquela pequena actuación obtivo uns resultados moi positivos e revelaron un escenario esperanzador: restos de casas de muro de cachotería e un importante repertorio material, na súa inmensa maioría fragmentos de cerámica indíxena.

Continuouse co traballo no 2018, cando se realizou unha escavación financiada na súa totalidade polo concello de Vimianzo con fondos propios. Os resultados seguiron superando as expectativas ao exhumar a metade das plantas de dúas construcións de planta circular unha e ovalada a outra, así como un rico repertorio de restos de obxectos de cerámica, pedra e metal.

No 2019 completouse outra escavación, deixando ao descuberto varias das vivendas -cunha das cociñas máis sofisticadas que se coñecen deste período, ao contar cunha parte para facer lume, outra de brasas e un forno adosado-, ao mesmo tempo que os arqueólogos certificaron que a muralla posúe un paramento interior de pedra de cachotería. O rexistro material foi o clásico deste castro: un completo repertorio de cerámica indíxena de finais da Idade do Ferro, industria e pezas líticas de gran porte e restos de obxectos de bronce e ferro, entre os que sobrancea un coitelo de pomo de anel e folla triangular asimétrica, unha peza soberbia concibida como arma de montería e caza.

Destaca, sobre todo, a aparición dun achado extraordinario, o dun betilo multifacetado que apareceu deitado dentro dunha das vivendas. Esta peza ten similitudes formais cun tipo de obxecto relacionado coa esfera do relixioso nas antigas sociedades mediterráneas. De feito, a mesma palabra “betilo” procede do semita Beth-El, que pode traducirse en “Morada de Deus” ou “Recordo de Deus”. En Galicia só se tiñan atopado elementos similares en castros costeiros (Punta do Muíño de Vento (Vigo), Toralla (Vigo) e Elviña (A Coruña)). Este obxecto foi interpretado como un santuario ou espazo de culto e agregación entre comunidades locais e foráneas, pero algúns arqueólogos manteñen aínda dúbidas sobre a súa orixe, cronoloxía e funcionalidade.

Con respecto á súa adscrición cultural, temos que valorar a inexistencia de material de importación, cerámico ou doutro tipo, no contexto do seu achado. De feito, a porcentaxe de cerámicas de importación no xacemento é mínima, por baixo do 0,5%, e, a excepción dun recipiente aberto localizado na campaña anterior, moi pouco características. Tendo en conta todo isto, e a propia morfoloxía da peza, con nove lados e nove vértices, diferente aos outros posibles betilos do Noroeste, os arqueólogos plantexan a hipótese de que fosen elaborados e usados no mundo indíxena, como parte do sistema relixioso local, en contra doutros autores que suxiren que procedesen dos mercadores púnicos do Mediterráneo.

AS BARREIRAS

Malia que hoxe presente o aspecto de asentamento dun só recinto, e así foi historicamente descrito, un detallado análise da súa morfoloxía sobre o terreo, así como a información que proporcionan as fotos aéreas antigas e recentes, levan a pensar que, con moita probabilidade, na súa orixe non foi así. Seguramente o primeiro castro tería unha barreira circular, ampliada nun segundo momento e destruida en boa parte durante o século XX, para aproveitar os materiais na construción da estrada que pasa ao pé da aldea.

Aínda quedan vestixios da dobre muralla que existiría aos lados do foxo e que apreciaremos con claridade na parte máis ao sur do castro. Dende o seu alto tamén podemos apreciar algunhas das características da zona, rodeado de terreos de cultivo e ca proximidade do rego de Cambeda, un dos ríos que atravesa o val vimiancés.

ABRIR AS BARREIRAS

O Castro das Barreiras é de propiedade municipal, por iso dende o primeiro momento tratouse de facer unha énfase especial na dinamización do espazo, con actividades que acompañasen ás escavacións arqueolóxicas para dar a coñecer, deste xeito, o Vimianzo de hai dous mil anos.

Dende a década pasada, o Castro das Barreiras consolidouse como un dos referentes do turismo escolar da comarca, onde tanto as escolas como as familias que quixeran achegarse, poderían comprender como vivían os nosos devanceiros vimianceses.

Nos últimos anos tamén se consolidou como un dos referentes turísticos do municipio, realizándose no verán visitas guiadas gratuitas a diario ao propio castro, co obxectivo de sensibilizar a veciños e visitantes da importancia deste entorno e da súa conservación.

Descargas

Cidade de orixe: