Vimianzo, Historia Viva. Verán 2018

Durante os meses de xullo e agosto o concello de Vimianzo prepara un intenso programa cultural que ten o patrimonio e a historia como bases e protagonistas. 

Este ano contamos co recoñecemento do programa como participante no Ano Europeo do Patrimonio Cultural, deste xeito colaboramos nesta efeméride que ten por obxectivo achegar ás persoas ao seu patrimonio cultural e a que estas se comprometan activamente con el. 

Para calquera información extra sobre o programa contestaremos de contado a través do correo electrónico turismo@vimianzo.gal

Visitas guiadas e teatralizadas

Castelo de Vimianzo

Visitas guiadas
Todos os días (xullo e agosto) 
Horario: 12h
Todos os sábados e domingos até setembro
Horario: 12h e 19h

Visitas teatralizadas con Os Quinquilláns
Todos os domingos de xullo e agosto
Horario: 13h e 17h

Batáns e muíños do Mosquetín

Visitas guiadas e demostración do funcionamento (se o caudal de auga o permite)
Todos os sábados e domingos até setembro
Horario: 11h e 18h

Castro das Barreiras

Visitas guiadas
Sábado 14 e 28 de xullo
Horario: 13h
Sábado 11 de agosto
Horario: 19h

As visitas guiadas e teatralizadas son libres e gratuítas.

Visitas especiais

Ruta Faguía de Carnés

Tes unha oportunidade única para coñecer os lugares que se escapan do habitual na Costa da Morte. Déixate sorprender pola historia destes máxicos recunchos vimianceses da man dunha persoa experta que che introducirá no seu ambiente. 

Non te preocupes polo transporte, poñémolo nós. Ti só te tes que deixar ir e presentarte no castelo de Vimianzo para a saída. A entrada para adultos é de 3€, os menores de 16 anos van de balde. 

Hai prazas limitadas, así que inscríbete canto antes no correo electrónico turismo@vimianzo.gal ou a través do teléfono 981 716 001 (ext 1235) ou no castelo de Vimianzo (981 716 354).

---------------------------------------------

Luns 09 de xullo - 11h30
Faguía de Carnés, coñece esta histórica festa desde dentro
Lendas, tradicións e ritos curiosos compoñen esta ruta etnográfica na que descubriremos a terra que mellora os partos das vacas e a auga milagreira de Santa Cristiña. Ademais, adentrarémonos na Faguía de Carnés, festa de interese turístico de Galicia, veremos os preparativos para a histórica festa gastronómica que se celebra á tardiña e coñeceremos os rituais e lugares sagrados asociados á mítica figura do San Cristovo.

Sábado 21 de xullo - 11h30
O Porto de Cereixo. Unha xoia medieval na boca da ría
Atacado por piratas, a vila do Porto de Cereixo foi repoboada por orde do rei Afonso IX, quen visitou despois o resultado da reconstrución. O tempo detívose neste lugar coa súa magnífica igrexa románica, o pazo das Torres, o muíño de mareas, o cabazo de Vila Purificación, a fermosa arquitectura da aldea...

Sábado 04 de agosto - 11h30
Megalitismo somerxido. As mámoas do Encoro da Fervenza
Neste paseo pola ribeira do gran lago do Encoro da Fervenza poderemos ver as pegadas de mámoas e antas que quedaron baixo as augas. O magnífico dolmen da Pedra da Arca sobreviviu como poucos o paso do tempo.

Sábado 11 de agosto - GRATUITA - 11h30
A vila do castelo. Ruta urbana por Vimianzo
Os diferentes barrios vimianceses gardan o sabor dunha vila señorial, onde o castelo foi o centro de poder dunha extensa xurisdición. Os pazos de Trasariz ou Trasouteiro son mostra deste pasado. Se había señores tamén había vasalos, que debían traballar nos campos para encher lugares como o Muíño da Agra. 

Sábado 18 de agosto - 11h30
As cores dos dolmens. Arte rupestre no megalitismo
Viaxamos á prehistoria para coñecer as primeiras mostras de arte galegas: as pinturas megalíticas. 
Os dolmens de Pedra Cuberta, Pedra Moura e Pedra da Lebre serán os protagonistas desta visita ao IV e III milenios a.C.

Vive a artesanía!

Visita a Mostra de Artesanía ao Vivo no castelo de Vimianzo todos os días de martes a domingo de 10:30 a 14 horas e de 16:30 a 20:30 horas

Durante os meses de xullo e agosto haberá diferentes obradoiros e exposicións de artesanía no castelo. Logo cho contamos!

Festas singulares e concertos

Venres 6 de xullo - Medianoite - Foso do castelo
Concerto de Carapaus - Cea Medieval
Trala Cea Medieval, para a que xa están esgotadas as entradas, haberá un concerto libre aberto ao público a partir de medianoite no foso do castelo. Carapaus é un grupo de música tradicional que fará bailar aos asistentes nun entorno máxico. 

Sábado 7 de xullo - Todo o día
Asalto ao Castelo
Vimianzo revive a gran Guerra Irmandiña, a revolta do pobo contra os señores feudais entre 1467 e 1469. Concertos, gastronomía medieval, teatro, feira artesanal e moitas máis actividades completan o intenso programa desta singular festa. Consulta os detalles na súa web

Luns 9 de xullo 
Faguía de Carnés
A festa gastronómica máis antiga de Galicia, con máis de catro séculos de historia, celébrase nun fermoso espazo: a Cerca. Na véspera do día de San Cristovo prepáranse os famosos callos con bo ambiente e música tradicional. Á noite haberá verbena. Pola mañá terás oportunidade de coñecer a festa desde dentro e todos os seus rituais e tradicións que fan da Faguía unha festa singular, declarada de Interese Turístico de Galicia. (Ver arriba o apartado de Visitas Especiais).

Domingo 22 de xullo
Rapa das Bestas
No Campo da Areosa en Vimianzo celébrase a ancestral Rapa das Bestas. Os cabalos salvaxes do Monte Faro son conducidos ao curro para que os aloitadores poidan cortarlles o pelo e devolvelas ao seu entorno natural. Máis información.

Domingo 22 de xullo - 22h - Castelo de Vimianzo
Memoria do 36
En homenaxe ás persoas represaliadas pola ditadura franquista celébrase unha velada musical e teatral dirixida por Tero Rodríguez. Neste mesmo día en 1936 o goberno municipal celebrou un acto simbólico no que se expropiou a fortaleza á familia Martelo para instalar nel o consistorio e outros servizos públicos. Alí, en plena semana tráxica tralo golpe de Estado, ondearon a bandeira republicana, a comunista e socialista. 

Venres 03 de agosto - 19h30 - Castelo de Vimianzo
Desde a Costa de Marfil. Concerto.
O coro de Saint Luc Banabakintu volve a Vimianzo, desta vez ao castelo para animar coa súa alegría  e boa enerxía. A asociación de cooperación Égueire de Costa de Marfil trae a Galicia este coro que ofrece unha rápida viaxe por todos os recunchos de África, para amosar os seus bailes, as súas músicas, os seus traxes e as súas emocións, máis alá de Costa do Marfil.

Sábado 18 de agosto - 22h - Castelo de Vimianzo
"Ao encontro de Martín Códax". Concerto.
Xoán Curiel presenta un espectáculo, no que as cantigas de Martín Códax, e outras poesías de autores galegos clásicos e contemporáneos, son musicadas e cantadas polo artista, facendo un percorrido dende estas cantigas até chegar ao cantautor ou trobador contemporáneo.

Nocturnas

Vive unha experiencia diferente coas visitas nocturnas! 

Hai prazas limitadas, así que inscríbete canto antes no correo electrónico turismo@vimianzo.gal ou a través do teléfono 981 716 001 (ext 1235) ou no castelo de Vimianzo (981 716 354).

---------------------------------------------

Sábado 14 de xullo - Solpor
Noite de petróglifos*
Boallo xunto aos petróglifos do Pedrouzo fan de Berdoias unha parroquia interesante na arte rupestre. Ao caer a luz do sol é o mellor momento para ver estas enigmáticas inscricións circulares que aínda están por descifrar. Teremos a sorte de contar co Colectivo A Rula para nolo explicar todo da mellor forma posible!
     *Esta ruta ten un custe de 3€ para adultos e gratuíta para menores de 16 anos.

Venres 27 de xullo - 22h30 - Castelo de Vimianzo
Noite no castelo. Os segredos da fortaleza.
Descobre os segredos da fortificación vimiancesa á luz da lúa. Coa compaña de curuxas e morcegos veremos os gravados dos canteiros, escudos e outras curiosidades ocultas nunha novidosa visita con lanternas. 

Martes 14 de agosto - 21h30 - Castelo de Vimianzo
Noite no castelo. Teatralizada.
Din que Evaristo Martelo amaba tanto o seu castelo de Vimianzo, que nunca marchou de todo del. O espírito do poeta guía aos visitantes pola historia da fortaleza nunha visita nocturna especial na que se pode camiñar polo castelo iluminado.

Para todas as idades

En Vimianzo poderás atopar actividades para todas! Xogos, obradoiros, visitas culturais...
Todas as actividades requiren inscrición previa a través do correo electrónico turismo@vimianzo.gal ou ben chamando ao 981 716 001. 

Venres 13 de xullo - 13h - Castelo de Vimianzo
Visita ilustrada
A dama do castelo narra a historia da fortaleza ás crianzas a través de grandes ilustracións. Para menores de 8 anos. Unha vez termine a actividade poderase visitar no castelo a exposición das seis ilustracións. 

Mércores 18 de xullo - Castelo de Vimianzo
Fai o teu monicreque!
Obradoiro de títeres con Ton Arenas ás 16h no patio do castelo. Desde que acabe o obradoiro, ás 18h30 haberá un espectáculo de monicreques de luva. 
Vacacións no mar: A Marina encantaríalle viaxar polo mundo adiante. Un día Moncho chega a porto no seu veleiro "Ovos con patacas"... pero nun descoido o pirata Ollo Virollo toma prestada a nave e bótase ao mar. Cumprirá Marina o seu soño de dar a volta ao planeta?
Inscricións até o 13 de xullo no Castelo. 
Para menores de 7 anos con acompañante. 

Xoves 09 de agosto - 11h - Castelo de Vimianzo
Ao ataque!
Como atacarías e defenderías o castelo? Preparamos un especial xogo de rol no que haberá que descubrir os segredos da fortificación para así poder conquistala. 

Sábado 18 de agosto - 11h30 
As cores dos dolmens
Vermello, branco e negro. Son as tres cores que se usaban para pintar as paredes das antas na prehistoria. Usarémolas, pintaremos(nos) visitando e descubrindo Pedra Cuberta, Pedra Moura e Pedra da Lebre. 

Sábado 27 de agosto - 10h30 
Cerámica nas Barreiras
Nas escavacións do castro das Barreiras apareceron centos de anacos de cerámica. Gustaríache saber como se facía a olería galaica? A Fundación Terra Termarum de Castrolandín (Cuntis) é toda unha profesional e demostraranos como poder realizar estas pezas da cultura castrexa.