27 de abril de 2024
Hoxe temos
El tiempo - Tutiempo.net
Turismo Vimianzo

Explora os recantos de Vimianzo

Itinerario I. Vimianzo e o seu contorno

Vimianzo dende San Bartolo

A primeira ruta para coñecer o noso concello abrangue o propio núcleo urbano de Vimianzo e os seus arredores.

Este itinerario arranca no alto de San Bartolo, a 407 metros sobre o nivel do mar. Este é, xunto co Monte Faro, un dos puntos máis elevados da zona, e desde el pódese contemplar todo o Val de Vimianzo.
Este lugar caracterízase pola abundante presenza de formacións rochosas. Alí érguese unha ermida na honra de San Bartolo, que data moi probablemente de 1681. A súa festividade celébrase o 24 de agosto, e acolle, en ocasións, unha romaría campestre. Crese que antigamente era frecuente a realización de cultos pagáns en puntos elevados dos montes, polo que parece que a presenza de templos cristiáns neste tipo de lugares obedece á intención do cristianismo de santificar estes cultos.

O seguinte punto de interese constitúeo o conxunto formado pola capela e o pazo de Trasouteiro. Ambos os dous edificios son na actualidade propiedade privada, pero o primeiro deles está aberto ao público para a súa visita.

Segundo as fontes documentais das que dispoñemos, a capela da Concepción de Trasouteiro, de estilo neoclásico, foi fundada a finais do XVIII ou principios do XIX por D. Andrés de Aguiar e Caamaño, bisneto do fundador da Casa de Trasouteiro que, pola súa condición de segundón, foi destinado á carreira eclesiástica. Da mesma época son dous edificios situados a carón da capela que na súa orixe foron unha escola pía á que asistían nenos do val de Vimianzo.
Descoñécese a data de construción do pazo, aínda que supoñemos que é anterior á capela e á escola. Hoxe en día está habitado, pero o seu estado de conservación é moi deficiente.

Quizais sexa o Castelo de Vimianzo o elemento máis coñecido de todo o noso concello. Está situado á entrada do núcleo de Vimianzo e foi construído alá polo século XII ou XIII, probablemente polos Mariño de Lobeira. Despois de pasar por diferentes donos (o último Evaristo Martelo Paumán del Nero), en 1973 foi comprado pola Deputación da Coruña, que o restaurou e acondicionou para que puidese ser visitado. Ademais, cada verán e durante as fins de semana de todo o ano, o castelo acolle unha exposición de artesanía ao vivo onde o visitante pode ver o traballo das palilleiras, os artesáns do coiro, ourives, etc.

Se collemos a estrada que conduce a Camariñas, entrando en Vimianzo á dereita, encontrámonos uns metros máis alá da Praza da igrexa con outra das xoias do concello: o pazo de Trasariz, da segunda metade do século XVII, con arcadas e columnas dóricas de aspecto renacentista na planta baixa e no piso alto balcón de pedra con columnatas.

Adosada ao muro oeste do pazo está a Capela de Nosa Señora da Soidade (da mesma data que o pazo), fundada por D. Antonio de Caamaño e Quintana, quen posiblemente tamén foi o construtor da casa-pazo. Dentro do recinto no que ambas as dúas edificacións se atopan encontramos tamén un cruceiro de pedra.
Todo o conxunto é na actualidade propiedade privada, e só se pode visitar co permiso da familia dona do mesmo.

Se antes falamos do alto de San Bartolo como un dos puntos máis elevados da nosa zona, non debemos deixar de mencionar o Monte Faro, con 438 metros de altura, desde onde podemos contemplar case na súa totalidade a ría de Camariñas, Carnés e Cereixo, unha paisaxe natural excepcional pola súa beleza.

E xa para rematar con este itinerario o viaxeiro non debe deixar de visitar o Castro das Barreiras, situado case á saída do núcleo de Vimianzo, na marxe esquerda da C-552 dirección A Coruña - Fisterra. Trátase dun recinto fortificado por unha muralla construída con terra e rodeada por un foso que servía de elemento defensivo aos habitantes do castro. Chama a atención a súa situación nun val, cando este tipo de asentamentos adoitaban aproveitar elevacións no terreo ou ladeiras de montañas, lugares máis doados de defender en caso de ataque. 

Itinerario II. Cara ao mar

Sabadelle

O segundo itinerario por terras de Vimianzo sae da capital do concello, pola estrada de Camariñas, chega até O Porto de Cereixo e regresa ao punto de partida pasando por Carnés.

O primeiro elemento de interese deste percorrido é a igrexa de San Xoán de Calo, situada á dereita da estrada que conduce a Camariñas desde Vimianzo, á altura do lugar de Calo, nun terreo cun gran desnivel que baixa cara ao Río Grande.

A construción deste edificio remóntase ao último terzo do século XVI, aínda que sufriu unha gran reforma ao longo do XVIII. Máis concretamente podemos dicir que esta igrexa foi fundada no 1582 polo clérigo Rodrigo Thomás, oriúndo do lugar de Pasarela e párroco de Santa Baia de Tines, que pertencía á familia fidalga local dos Álvarez de Calo que se fixo enterrar na propia capela, na que se conserva o seu sarcófago pétreo de estilo manierista e autor anónimo, que foi construído a finais do século XVI.

A base estrutural desta construción é románica, pero dela tan só se conserva o interior da capela maior co seu arco triunfal dobrado, os muros e a bóveda de canón corrida, todo iso reformado a principios do século XVIII. O esquema deste presbiterio rectangular é o típico do románico rural, de gran sinxeleza.
Os muros da nave son barrocos, do primeiro terzo do século XVIII (data da gran reforma). A fachada e o campanario son tamén netamente barrocos, pero xa dos últimos anos do XVIII.

A sancristía (rematada no 1730; a construción inicial carecía dela), presenta bóveda de crucería nervada, pervivencia das formas góticas.

Chama a atención o escudo de armas da familia dos Mariño, no exterior do muro oeste do presbiterio, que foi mandado colocar por don Andrés Mariño e Romero, patrono da igrexa e que subvencionou as obras levadas a cabo a principios do XVIII. Este escudo presenta a serea dos Mariño e os tres lagartos baixo unha lousa dos Losada.

É no mesmo lugar de Calo onde, tomando un desvío á esquerda, chegamos á Casa do Prado, onde só existe unha vivenda. O interese de facer este desvío reside na gran beleza da paisaxe que se pode contemplar no camiño. Trátase de paraxes solitarias nas que algunha vez se poden ver cabalos salvaxes. 

Para seguir o noso itinerario debemos retornar a Calo e, de alí, tomar o desvío a Castrobuxán (sinalizado á esquerda).

En Castrobuxán podemos gozar do conxunto arquitectónico barroco dedicado á Nosa Señora da Concepción, formado por unha ermida, un cruceiro e unha fonte sagrada, que está situado nun lugar illado no medio do monte.

Segundo as fontes documentais consultadas, o conxunto foi construído no século XVII, aínda que a capela maior e a nave se levantaron de nova planta no ano 1756 por orde do arcebispo Bartolomeu de Raxoi na súa visita de 1754.

A espadana, a xulgar pola inscrición colocada na súa base, é moi posterior, concretamente do ano 1856, e veu substituír unha anterior realizada no 1748.

O cruceiro é de planta octogonal, cunha piedade esculpida no anverso da cruz.
O último elemento do conxunto é a fonte sagrada da ermida. O camiño que nos conduce a ela pasa ao lado da muralla sur dos restos dun antigo castro, que xustifica o topónimo de Castrobuxán.

A ermida fica perto dunha vella vía de comunicación, un vello camiño que, seguindo o curso do Río Grande, comunicaba Vimianzo coa ría de Camariñas. Dada a súa situación, Xosé María Lema Suárez aventurou a hipótese de que quizais este lugar sacralizado fora noutro tempo un punto de parada de peregrinos que se dirixían cara a Compostela (procedentes do porto de Camariñas ou de Cereixo), ou dos que chegaban a Santiago e decidían continuar a súa peregrinaxe ata o santuario mariano-xacobeo de Muxía ou incluso ata Fisterra.

Se continuamos cara ao Porto de Cereixo poderemos contemplar as súas impresionantes torres (na actualidade propiedade privada), edificación do século XVII que pertenceu nun principio a don Pedro de Calo Carantoña y Montenegro. Están situadas nunha pequena península coa súa ponte de acceso, no vértice da ría de Camariñas. Trátase, pois, dunha fermosa paisaxe de mar e terra no que destacan pola súa gran beleza as dúas torres coroadas de almeas, por entre as cales corre o corpo central do edificio, ao que se accede por unha porta de arco semicircular enriba da que aparece unha gran pedra de armas co M dos Montenegro e os brasóns das familias Novoa, Bermúdez, Castro de Lemos, Sotomayor, Mendoza e Villamarín. Ademais, nas fachadas laterais hai tamén outros escudos pertencentes ás primitivas liñaxes da casa: a cabeza de lobo dos Moscoso, as mans dos Carantoña, o piñeiro dos Caamaño e a torre de Guisamonde.
Completa este conxunto a igrexa románica de Santiago de Cereixo, levantada no século XII, que ten esculpido na súa fachada o traslado en barca do Apóstolo Santiago na que parece ser unha das máis antigas representacións do tema que se coñecen.

Ao lado das torres e da igrexa existe tamén un enorme cabazo e un antigo muíño hoxe transformado en vivenda.

O noso seguinte punto de interese é a aldea de Carnés, na que destaca a súa igrexa de estilo barroco (finais do XVIII), o cruceiro e o recinto onde ten lugar a Festa da Faguía o 9 de xullo, véspera de San Cristovo.

Seguindo o noso percorrido chegamos á parroquia de Berdoias, concretamente na bela aldea de Santa Cristiña, onde hai unha pequena ermida en honor a esa santa cunha fonte sagrada. No chan do altar hai un pequeno receptáculo de forma rectangular cheo de terra á que se lle atribúen calidades curativas para as vacas. A tradición manda coller un puñado de terra e colgala ao pescozo das vacas durante nove días. Deste xeito a vaca estará libre de enfermidades e terá bos partos. Unha vez pasado este período de tempo, a terra debe ser devolta á ermida. Ademais, antigamente debíase dar un donativo á santa a cambio do servizo que nos tiña prestado.

Un pouco máis adiante está a aldea de Pedra do Frade, que conserva elementos típicos da arquitectura popular como os pozos de pedra na entrada das vivendas. O topónimo obedece a unha lenda que relata como un frade se refuxiou, infrutuosamente, no alto dunha pedra para evitar o ataque dos lobos. Alí foi devorado e o lugar quedou bautizado como Pedra do Frade e sinalizado cun cruceiro.

Para rematar este itinerario debemos achegarnos á aldea de Berdoias, núcleo no que destaca a igrexa de san Pedro e a Casota de Freáns ou Caseta dos Mouros. Trátase dun dolmen ao que se accede por un camiño que parte da estrada que vai a Santiago e que atravesa o conxunto de casas que conforma a aldea. Nel pódense observar abundantes gravados, coviñas e algún cruciforme que denota a vontade de cristianización do megálito.

Itinerario III. Cara ás terras do Xallas

O terceiro itinerario parte, como todos os demais, da capital do concello e pasa por Cambeda, Castrelo, Baíñas, Serramo e Treos.

A nosa primeira parada é a igrexa de Cambeda, cunha arquitectura de base románica, aínda que a capela maior é netamente neoclásica (de finais do XVIII ou do primeiro terzo do XIX), ao igual que a capela meridional (do último terzo do XVIII).
Pola súa banda, a torre-campanario continúa a tradición do barroco (últimos anos do XVIII), e a capela do lado norte, construída no último terzo do XVI, responde perfectamente ao estilo que predominaba na época na que foi construída: grande arcada de traza renacentista e bóveda de crucería nervada de pervivencias góticas.
A sancristía encádrase dentro do clasicismo do último terzo do XVII. Quizais sexa esta a estancia máis chamativa dentro de todo o conxunto, xa que nela podemos encontrar caprichosas figuras nos seis canzorros que suxeitan o pesado teito. Trátase de exóticas figuras de seres míticos ou simbólicos, de rostro humano, ou de animais imaxinarios. Non hai relación de continuidade entre as figuras e probablemente nin sequera teñan significado simbólico consciente. Crese que se colocaron cunha finalidade meramente decorativa. O que si é certo é que presentan unha grande semellanza cos canzorros da balconada do Hospital Real de Santiago (1678), e cos do coro de San Martiño Pinario, tamén en Compostela.

Tamén dentro da parroquia  de Cambeda se atopan as capelas de Sanfíns e de Paizás.

A orixe do santuario de Sanfíns parece ser anterior a 1607, ano no que xa é mencionada polo cardeal J.del Hoyo na súa visita ao concello vimiancés. En 1931 foi derrubada e construída de novo por orde do clérigo Saturnino Guinarte.
A súa festividade celébrase o 1 de agosto, e quizais sexa de destacar a existencia na parte leste do edificio un carballo centenario, de ampla copa e longas pólas que sobrepasan á altura da propia capela. A esta árbore atribúenselle certos poderes curativos para as máis diversas enfermidades, sobre todo de nenos. A cerimonia consiste en dar varias voltas de arredor do carballo, logo rómpese unha póla e o enfermo debe pasar por debaixo da mesma. Por último, métese a póla en barro e envólvese nun pano. Para que o enfermo cure, a póla debe prender.

En canto á capela de Paizás, sabemos que foi fundada no século XVII por Alonso de Castiñeira e a súa primeira muller Mariña de Gondomil, pero no ano 1932 o clérigo Saturnino Guinarte, que tamén foi o responsable da reforma da capela de Sanfíns, realizou unha serie de cambios de grande importancia que transformaron a planta da ermida case por completo. Ademais, en 1986 sufriu outra reforma.

Tamén na aldea de Paizás hai unha casa brasonada de perpiaño que data, ao igual que a capela, do século XVIII e que foi mandada construír por Martín de Castiñeira, descendente da familia orixinaria de Castiñeira e que deu nome ao lugar.

Se continuamos ata a parrqouia de Castrelo (de volta á estrada de Baíñas e xirando posteriormente á esquerda), non debemos deixar de visitar a súa igrexa, cun cruceiro e unha fonte sagrada.

Seguindo cara a Baíñas podemos visitar o dolmen coñecido como Pedra da Arca ou Casa das Mouras, encadrada nunha gran mámoa de vinte e oito por trinta metros. Nas súas paredes podemos ver restos de gravados formados por liñas rectas, curvas e ondeadas. Parece que tamén se conservan restos de pinturas en dúas manchas próximas a estes motivos.

A nosa seguinte parada é a igrexa de San Sebastián de Serramo, cunha capela maior que responde de maneira clara ao esquema típico do románico rural, aínda que o edificio sufriu importantes reformas no século XVIII (concretamente construíronse a torre-campanario e a sancristía).

Nesta mesma igrexa consérvase a que parece ser unha das cruces parroquiais máis antigas que quedan en Galicia, xa que data do primeiro terzo do século XII, o que sabemos polas características estilísticas e polos caracteres da inscrición do anverso.

Descoñecemos quen foi o autor desta peza, aínda que si sabemos que o doador da mesma foi un tal Ordoño. Trátase dunha grosa cruz de madeira de castaño recuberta de prata que ten unha altura de 55 centímetros. O seu estado de conservación é bastante deficiente, pero o valor artístico e histórico da peza é indiscutible.

Tamén na parroquia de Serramo, concretamente no lugar do Comareiro, podemos visitar unha casa brasonada que antigamente presentaba grandes torres hoxe perdidas. Esta casa foi fundada no 1580 por don Gonzalo de Pazos e Señoráns, e os seus sucesores establecerán lazos matrimoniais coas casas de Trasariz de Vimianzo, de Xora (Treos) e de Carantoña.

Serramo contou tamén con outra casa brasonada hoxe desaparecida. Parece ser que estaba situada fronte á igrexa e quizais pertencía á xenuína familia soneirá dos Pazos, oriúnda do lugar do seu nome, na freguesía de Vilar.
A importancia de Serramo en canto ás comunicacións é patente desde a antigüidade xa que se ten dito que por esta parroquia vimiancesa pasaba a ramificación norte da vía romana número 20 “per loca maritima” do Itinerario IV de Antonino. Ademais, no lugar de Casas Novas empataba o camiño real procedente de Brandomil co que unía Ponte Olveira e Baio. Serramo era, pois, un punto destacado nas vías de comunicación antigas.

En Treos podemos gozar da fermosa igrexa de San Miguel, con base estrutural románica, situada nunha fermosa paraxe.

Se queremos visitar o dolmen de Pedra Cuberta debemos tomar unha pista á dereita ao lado da igrexa de San Miguel. Trátase dun dos monumentos megalíticos mellor coñecidos de Galicia debido aos estudos que os arqueólogos Georg e Vera Leisner fixeron nos anos 30 sobre a decoración pictórica do corredor. Esta decoración está formada por debuxos de cor negra e vermella sobre fondo branco empregado a modo de imprimación, así como por representacións serpentiformes, ondulados, pequenos ídolos e círculos concéntricos. Descoñécese o significado exacto destas representacións: no pouco coñecido mundo das crenzas neolíticas só se pode actuar por suposicións.
Nas escavacións dos Leisner atopáronse ademais dous pequenos machados de pedra.

Itinerario IV. Á beira do Río Grande

Río Grande

O cuarto e último itinerario marcado parte de Vimianzo e pasa por Salto, Tines, Bamiro, O Mosquetín, Torelo e A Lagoa, para logo volver ao punto de partida.

Para chegar a Salto debemos coller en Vimianzo a estreita estrada que está situada fronte á gasolineira (xusto á saída do núcleo de poboación).

Salto é a parroquia máis extensa do concello (25km2). Alí atópase a igrexa de Santa María cunha ábsida, que é a parte máis antiga, que data moi probablemente da segunda metade do século XV (estilo gótico). É moi posible que o adro albergue no seu subsolo unha antiga necrópole similar á de Tines, a xulgar por un sarcófago antropomorfo que se conserva a carón da fachada. Fóra do camposanto existe unha fonte santa da que se recolle auga para ser bendicida.

Un pouco máis adiante e tomando unha estrada á dereita encontramos o lugar de Castro, topónimo plenamente xustificado xa que nese lugar hai un poboado da idade do ferro.

A nosa seguinte visita é Tines, importante enclave histórico a xulgar polos camiños que o percorreron na antigüidade (o que viña de Zas e Vilar con dirección a Vimianzo e o procedente de Baíñas con dirección a Baio); e polos restos arqueolóxicos encontrados no adro da igrexa e nos terreos lindantes. Trátase dunha importantísima necrópole suevo-romana, con enterramentos datados do século I ao VIII d.C.

A necrópole foi descuberta casualmente durante a construción duns panteóns e o traslado da chamada Ermida Vella ao templo parroquial.
Foi o investigador Manuel Chamoso Lamas quen realizou a única e parcial escavación da necrópole de Tines no ano 1951. Este estudoso puido comprobar que ademais da necrópole, moi probablemente houbo nese lugar unha vila romana con catro salas, pórtico e hipocausto. Se vos fixades, o cruceiro que hai diante da fachada ten parte dunha columna romana facendo parte do mesmo.

En Tines atopouse ademais a coñecida como estela funeraria de Victorino, da época tardorromana, na cal se pode distinguir un rostro humano toscamente gravado (unhas simples incisións que representan as cellas, os ollos e o nariz) e na parte inferior pódese ler: “VICTORI/ NVS/ IN PACE/ ANNORV/ MLXX”. Hai estudosos que cren que se trata da primeira mostra epigráfica cristiá de Galicia, datable a finais do século IV ou principios do V. Actualmente, a estela de Victorino consérvase no Museo Arqueolóxico de San Antón (A Coruña).

Ningún estudoso dubida da importancia do descubrimento da necrópole de Tines, pero o certo é que os restos encontrados durante as escavacións dos anos 50 quedaron completamente abandonados no propio adro da igrexa, sen ningunha clase de protección por parte das autoridades.

En 1986 descubríronse dúas novas tumbas no terreo colindante á igrexa: unha delas aínda conservaba os restos óseos.

A parte máis antiga da igrexa de Santa Baia de Tines é a ábsida, de estilo románico, aínda que este edificio sufriu importantísimas reformas no século XVIII seguindo as directrices desa época.
Son de destacar os dous chapiteis: o do lado norte representa a escena bíblica do pecado e o castigo de Adán e Eva e o do lado sur móstranos o martirio da virxe e mártir emeritense Santa Baia, á que está dedicado o templo.

En Xora (parroquia de Treos) existiu na antigüidade un pazo do que tan só se conserva a capela, que se confunde coas casas do lugar na súa parte norte.
O fundador desta casa foi Martín de Antelo, que casou con Clara Pérez de Moscoso (século XVI). O último dono desta edificación vendeulla aos caseiros, e estes preferiron derribar a antiga construción e levantar unha nova casa, situada na zona oeste da capela.

De acordo coas fontes documentais dispoñibles (escritura de fundación), a capela foi fundada no 1697 polo capitán e señor do pazo de Xora don José Antonio de Caamaño y Bermúdez de Lobera. O estilo predominante é o gótico, aínda que na súa etapa final. O seu estado de conservación era moi deficiente e as autoridades non parecían dispostas a reparala a pesar das contínuas peticións ao respecto dos veciños, que en 1993 decidiron restaurala pola súa propia conta.

A parte máis interesante da capela é a fachada do muro sur, de cantería na súa totalidade, por ter adosado un escudo de armas abrazado por unha serea (o símbolo dos Mariño). Tamén se observan os símbolos dos Caamaño (un piñeiro e varias lanzas); dos Lobeira (dous lobos) e dos Bermúdez, entre outros.

Se continuamos até Cheis podemos visitar un cruceiro gótico que data aproximadamente de finais do século XIV ou principios do XV. Nel represéntase a Xesucristo crucificado, coas figuras da Virxe e San Xoán a ambos os dous lados. Na parte posterior hai unha representación da Trindade e debaixo de Deus Pai aparece a figura dun home, probablemente o Apóstolo Santiago, aínda que tamén podería ser Xosé de Arimatea.

No cumio do pequeno monte de Montetorán (222m), situado na parte norte da parroquia de Bamiro, existe unha ermida na honra á Nosa Señora de Montetorán. Esta ermida existía xa a principios do século XVII (o cardeal J. del Hoyo xa a cita na súa visita de 1607), pero durante o século XVIII sufriría importantes obras de remodelación.

A festividade da Nosa Señora de Montetorán celébrase a comezos de maio, e a ela acoden os romeiros para aliviar os males de cabeza, de aí o dito popular “A Montetorán todos os tolos van”. Ademais, a Virxe cura todo tipo de enfermidades e doenzas: a tradición manda lavar os membros enfermos e magoados na fonte santa situada preto da ermida. Logo hai que deixar os panos mollados a secar ao sol no lugar onde está emprazada a fonte.

Dentro do campo que rodea á ermida hai un cruceiro cunha piedade no anverso da cruz. Na parte norte construíuse un pequeno oratorio sobre unhas grandes pedras utilizado para a misa de campaña o día da festa e antigamente tamén os días de feira.

O investigador Xosé María Lema Suárez aventura a hipótese de que quizais esta ermida, xunto coa ermida vella de Tines e a de Castrobuxán,  formaran parte dunha antiga ruta de peregrinación xacobea.

Retomando a C-552 en dirección Baio-Fisterra chegamos, tomando unha estreita e sinuosa pista á dereita, ao conxunto etnográfico dos Batáns e Muíños do Mosquetín, situado na marxe dereita do Río Grande do Porto. Descoñécese a antigüidade destas construcións, aínda que xa se encontran referencias sobre as mesmas no Catastro de Ensenada (ano 1753).

Os batáns e muíños do Mosquetín pertenceron até o ano 1997 aos veciños do lugar; foi nese ano cando a Deputación da Coruña os mercou para facerse responsable da súa recuperación, xa que se atopaban nun estado lamentable.

Os tres batáns e os sete muíños fariñeiros eran usados polos veciños das parroquias da Terra de Soneira e Bergantiños, así como tamén por xente da zona do Xallas e da ría de Noia, para moer gran e abatanar os tecidos de la que elaboraban de xeito artesanal. Deste modo conseguían transformar un tecido de textura pouco firme noutro de trama máis tupida.

A importancia e singularidade do lugar é evidente, xa que se trata dun claro exemplo da enxeñería popular, que soubo aproveitar a forza da auga a través dunha serie de canalizacións para moer o gran e para mellorar a súa industria téxtil artesanal. Por outra banda, o contorno presenta unha frondosa vexetación formada principalmente por especies autóctonas.

Continuando pola mesma pista estreita (na que se encontra unha piscifactoría), chegamos ao lugar de Señoráns, onde se conserva unha casa brasonada e interesantes conxuntos de muíños.

Se xiramos á esquerda encontrámonos de novo coa C-552 pero antes do cruce, á man esquerda, debemos parar a visitar a ermida de Santa Helena ou Santa Irena, construída moi posiblemente na primeira metade do XVIII, aínda que carecemos de noticias documentais que así o constaten, e situada ao pé do Río Grande. Perto dela existe unha área para pescadores. A súa festividade, na honra da Virxe das Neves, celébrase o 3 e o 4 de maio.

En Castromil hai un pazo cunha capela, de propiedade privada e cercado por un muro. A capela, de estilo barroco, foi fundada no 1758 ou 1759 por Domingo Antonio López de Miranda, escribán da xurisdición de Soneira, e a súa muller Isabel de Pazos, matrimonio fidalgo que habitaba por eses anos o pazo ou casa grande de Castromil.

Se nos achegamos a Torelo, zona de abundantes ríos e regos á que acode un gran número de pescadores, poderemos contemplar unha ponte que foi construída en tempos da raíña Isabel II (s. XIX). Perto del, tomando un camiño que os veciños coñecen como “a calzada”, encóntrase un muíño de pedra con canalización de auga que aínda funciona.

A nosa última parada antes de regresar a Vimianzo é o lugar da Lagoa, onde se levanta a Ermida da Virxe da Peregrina, imaxe esta vinculada á tradición xacobea por levar traxe de peregrino nobre cunha cuncha de vieira debuxada e portar bordón con cabaza na súa man dereita.
A situación deste lugar, á beira do antigo camiño real A Coruña-Fisterra, levou a Xosé María Lema Suárez a pensar que a orixe desta capela está na existencia dunha antiga ruta de peregrinación. Existía unha fonte fronte á capela, ao outro lado da estrada.

Mapa virtual de Vimianzo

Ligazóns