Concello de Vimianzo
24 de abril de 2024
O corazón da Terra de Soneira

Novas

28-04-2014

Máis dun milleiro de persoas participaron no XIII Xantar dos Nosos Maiores

O pavillón municipal de Vimianzo estaba preparado desde o venres para acoller o XIII Xantar dos Nosos Maiores, logo dun intenso traballo feito polos traballadores municipais. A pesar de que as vésperas anunciaban que o tempo non ía acompañar, o sol non quixo faltar á cita. Pese a que estaba anunciado que as portas do pavillón non abrían ata as 13 horas, a xente comezaba a chegar ao recinto desde antes do mediodía, facendo cola para colleren o mellor sitio. Mentres dentro, os 70 voluntarios e voluntarias encargábanse de ter todo a punto para recibir aos máis de mil maiores que abarrotarían a pista polideportiva. Con puntualidade británica, o portal do pavillón erguíase ás 13 horas e a xente comezaba entrar disposta a facerse coa mellor situación para non perder detalle do que puidese acontecer durante a xornada. Mentres as mesas se ían enchendo, os gaiteiros da Asociación Cultural Trubisquiña subían ao escenario para comezar a xornada coa nosa música tradicional. Seguindo coa tradición popular, quen mellor que as dúas Carmes de Berdoias para cantarnos unhas coplas ao ritmo da pandeireta, daquelas que aprenderon cando nenas das súas nais e avoas e que hoxe seguen a ensinarlle ás novas xeracións de Berdoias. Aínda continuaba entrando xente no pavillón cando subiron ao escenario os reguerifeiros Luis O Caruncho e Pinto d`Herbón, que cunhas improvisadas coplas deron a benvida parroquia por parroquia, facendo de pregoeiros de canto o xantar lles depararía aos comensais. E, antes de dar paso ao xantar, o discurso do Alcalde, quen aproveitou a ocasión para agradecer a todas as persoas que decidiron colaborar para levar adiante o xantar, tanto os traballadores municipais, os voluntarios e voluntarias, e os grupos musicais do concello que acoden desinteresadamente a este fermoso evento. Mais o punto central do discurso foi para os protagonistas da xornada, os nosos maiores, a quen lle debemos "todo canto temos e somos" e de quen "temos moito que aprender". Unha vez rematado o discurso, os camareiros entraron no pavillón para comezar a servir o xantar. O menú, como vén sendo habitual, composto de tres pratos: empanada de bacallau e atún subministradas por cinco panaderías do concello. A continuación, pescada á romana con ensalada e, para rematar, carne asada con patacas. Toda a comida foi elaborada por tres restaurantes de Vimianzo, cos produtos subministrados por oito establecementos locais. E, finalmente, a sobremesa, composta por flan con nata e rosca. Xa á hora do café, acompañado cunhas gotiñas para quen quixera, subían ao escenario os gaiteiros O Revoltixo, da Asociación Cultural San Martiño de Carantoña, que amenizaron a sobremesa mentres os camareiros repartían un agasallo a cada un dos comensais, como recordo deste día.
Unha vez rematada a actuación dos gaiteiros, o xornalista vimiancés Manuel Rial, collía as rendas da tarde e novamente o Caruncho e o d´Herbón volvían lanzar as súas coplas para os presentes, das que non se libraron nin o Alcalde nin os concelleiros da corporación presentes. E como despedida destes coñecidos artistas o remate cantando ao unísono coas cantareiras de Berdoias, que levantaron o aplauso do pavillón coas súas fermosas voces.
Chegou entón a hora dos recoñecementos para as persoas máis maiores que participaron no Xantar. Xunto ao Alcalde subía ao escenario a muller máis maior, Mercedes Salinas Teixido, residente no Xeriátrico de Vimianzo, quen no mes de novembro se converterá en centenaria. En canto aos homes, o veciño do lugar de Casais (Vimianzo), Faustino Domínguez Ferreiro, con 96 anos feitos neste mes de abril, subía ao escenario contaxiando de alegría a todo o pavillón e incluso rematou a xornada botando un baile ao son da música da charanga.
Continuaba despois a música local no escenario da man de tres artistas que coas súas voces conquistaron a todos os presentes: Jaime de Vilaseco, Suso de Trasariz e Irma de Reparada, tres artistas afeccionados que nada teñen que envexarlle ás grandes estrelas da música. E xa, o paso para o baile da man coa música da Charanga Escándalo e do dúo D`Festa, encargados de rematar a festa, non antes da realización dun sorteo de agasallos entre os presentes.
Cos autobuses dispostos para emprender camiño de volta para levar os viaxieros aos seus lugares de orixe, o pavillón quedaba baleiro pasadas as nove da noite. 
Remataba a XIII edición do Xantar dos Nosos Maiores, que deixou un bo sabor de boca a todos os que participaron, tanto comensais como traballadores, que malia o cansazo da longa xornada, eran moitos os voluntarios e voluntarias que xa querían apuntarse para a seguinte edición. Sen dúbida é un traballo que reconforta a quen o fai de bo grado, e tamén unha pequena axuda para o comercio local, xa que todo o necesario para levar a cabo esta festa o subministran máis de 40 establecementos do concello.
Esta festa, como moitos outros actos, é, en palabras do Alcalde, un investimento no benestar da nosa xente, e nesa liña seguiremos a traballar por e para Vimianzo.

Cita previa
Sede Electrónica
Pagos en liña
Directorio Empresarial
Escoitámoste
Liña directa co alcalde
Axenda
- 2024 +
- abril +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 

Perfil de contratante
Boletíns
SEA- Suelo Empresarial del Atlántico Páxina web das familias galegas Quérote
COOKIES
Este sitio utiliza cookies para proporcionar os nosos servizos e realizar análisis de uso e de medición de nosa web. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou ben coñecer como cambiar a configuración do seu navegador, pulsando na nosa Política de Cookies | ACEPTAR X