09-10-2026
Vimianzo achega a universidade á Costa da Morte coa nova aula da UNED
Vimianzo presentou hoxe oficialmente a súa Aula da UNED, nunha xornada de portas abertas que permitiu coñecer de primeira man as posibilidades que ofrece a Universidade Nacional de Educación a Distancia desde o territorio.
O acto contou coa participación da alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez Ordóñez; da directora do Centro Asociado da UNED na Coruña, Ana Mónica Novo García; e da secretaria do Centro e secretaria académica, Emma Miranda Varela.
Durante a xornada presentáronse a oferta académica da UNED, o proceso de matrícula, as titorías, o campus virtual, os servizos ao estudantado e as diferentes modalidades de seguimento dos estudos.
Na súa intervención, a alcaldesa destacou que a chegada da UNED a Vimianzo supón moito máis ca a apertura dun novo espazo educativo: “Estamos falando de achegar oportunidades”, especialmente para as persoas que viven no rural.
Rodríguez Ordóñez reivindicou que “vivir nun territorio rural non pode significar ter menos oportunidades”, e salientou a importancia de que a universidade estea presente na Costa da Morte.
A Aula UNED de Vimianzo, situada na Casa da Cultura, ofrecerá atención á cidadanía en horario de 11:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas, facilitando información e orientación ás persoas interesadas en coñecer as posibilidades de formación da UNED.
Desde o Concello destacan que esta iniciativa supón un novo paso para facer de Vimianzo un concello con máis servizos, máis oportunidades e máis futuro, achegando o ensino universitario ao territorio.
A alcaldesa agradeceu á UNED e a todas as persoas que fixeron posible a posta en marcha desta aula e pechou a súa intervención cunha mensaxe que resume o espírito do proxecto:
“O rural non debe ser o lugar desde o que miramos as oportunidades pasar. Queremos que sexa o lugar desde o que as oportunidades tamén nacen.”