05-10-2026
A Costa da Vida arrinca en Cereixo cunha xornada que une patrimonio, cultura e comunidade
A Costa da Vida arrinca en Cereixo cunha xornada que une patrimonio, cultura e comunidade. A iniciativa cultural comezou este domingo en Cereixo cunha programación que puxo en diálogo patrimonio, memoria, creación artística e comunidade.
Ás 11.00 horas arrancou oficialmente A Costa da Vida en Cereixo, cun saúdo da alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, acompañada polo concelleiro de Obras, Miguel Pérez, natural desta parroquia, e pola técnica de Cultura do Concello, Nieves Lema, responsable da coordinación da programación.
A xornada desenvolveuse na contorna da igrexa de Santiago de Cereixo e permitiu poñer en diálogo patrimonio, cultura e participación veciñal, nunha primeira cita que combina creación artística e posta en valor do territorio.
A continuación, a mediadora cultural Raquel López Noia presentou a ponencia «De viaxe lendaria a recurso cultural: a Translatio de Cereixo como modelo», achegando unha mirada ao valor cultural e patrimonial deste singular elemento da tradición xacobea.
Ás 12.00 horas, Os Quinquilláns presentaron A barca prodixiosa de Cereixo, e posteriormente tivo lugar a actuación do Coro Galilea de Cereixo, que interpretou La Bella Lola e o Himno de Cereixo.
A programación completouse ás 13.00 horas co concerto de Caamaño & Ameixeiras, nunha xornada que rematou cun encontro coa veciñanza.
Cultura, patrimonio e comunidade
A elección de Cereixo como punto de partida de A Costa da Vida ten un significado especial polo seu importante patrimonio e polo vínculo coa tradición xacobea. O tímpano da porta lateral da igrexa románica de Santiago representa o episodio da Translatio, convertendo este espazo nun escenario singular para conectar patrimonio, memoria e creación contemporánea.
A Costa da Vida nace coa vontade de achegar a cultura ás parroquias e aos espazos de proximidade, favorecendo o encontro da veciñanza e fortalecendo os vínculos comunitarios.
O Concello de Vimianzo quere agradecer especialmente a todas as persoas e entidades que fixeron posible esta primeira xornada e, de maneira particular, á Comisión de Festas de Cereixo, pola súa colaboración e implicación, así como a Mariví Amigo, pola súa disposición e traballo.
Tamén traslada o seu agradecemento a Culturactiva, entidade impulsora da iniciativa; aos concellos participantes _Vimianzo, Fisterra, Corcubión, Dumbría, Muxía e Mazaricos— e a O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia, polo apoio ao proxecto.
A Costa da Vida continúa
Tras o seu inicio en Cereixo, A Costa da Vida continuará o seu percorrido por diferentes localidades da Costa da Morte.
A próxima cita será o 11 de outubro, ás 12.00 horas, na Escola de Bamiro, con Paula Carballeira e Os contos que me contan. O programa continuará ata o 28 de novembro con propostas en Treos, Salto, Fisterra, Berdoias, Dumbría, Carantoña, Mazaricos, Baíñas e Muxía. Nas parroquias está previsto tamén un petisco e encontro comunitario despois de cada función.