08-09-2026
Vimianzo M.O.L.A. consolida o Castelo como faro cultural cunha segunda edición marcada pola diversidade de voces, a memoria e a creación desde a Costa da Morte
O Concello de Vimianzo fai unha valoración moi positiva da segunda edición de Vimianzo M.O.L.A., que rematou onte no Castelo de Vimianzo despois de tres xornadas de literatura, oralidade, artes escénicas, música, patrimonio e memoria. Esta segunda edición supuxo unha evolución respecto da primeira, cun programa cohesionado e unha resposta moi positiva por parte do público.
A resposta foi especialmente significativa tendo en conta as condicións meteorolóxicas, con temperaturas elevadas durante a última fin de semana do verán. A pesar da calor, o Castelo rexistrou un importante movemento de persoas durante as actividades, con público que se achegaba especificamente ao festival e tamén visitantes que acudían inicialmente a coñecer o monumento e acababan quedando para escoitar algunha das presentacións, conversas ou actuacións.
Unha das conclusións desta segunda edición é a consolidación do Castelo de Vimianzo como escenario cultural, ata o punto de converterse nun elemento máis da propia programación. O festival permitiu descubrir o monumento desde novas perspectivas e tamén achegou o Castelo a persoas que nunca antes o visitaran. De feito, algunhas das escritoras participantes descubriron tamén o espazo por primeira vez. Montse Fajardo, Arantza Portabales e María Oruña recoñeceron durante a súa participación que non coñecían anteriormente o Castelo de Vimianzo.
Deste xeito, o monumento deixou de ser simplemente o lugar no que se desenvolvían as actividades para converterse nunha parte máis do festival: un espazo patrimonial vivo no que a literatura, a memoria e a creación dialogaron durante tres días.
Para o Concello, esta capacidade para atraer novos públicos e dar a coñecer o patrimonio local contribúe a consolidar Vimianzo como un faro cultural da Costa da Morte, cunha programación capaz de combinar a actividade cultural coa posta en valor do territorio.
Voces consolidadas e novos talentos da Costa da Morte
A segunda edición de Vimianzo M.O.L.A. permitiu tamén establecer un diálogo entre xeracións, procedencias e traxectorias diferentes. O programa combinou voces moi asentadas no ámbito da memoria histórica, como Luís Lamela, Luís Sánchez ou Montse Fajardo, protagonistas da última Conversa a pé de páxina, na que abordaron os feitos acontecidos hai 90 anos no Castelo de Vimianzo e as súas consecuencias, con figuras consolidadas da novela como María Oruña e Arantza Portabales.
Ao mesmo tempo, o festival deu espazo a voces novas e próximas, como as de Anxo Mouzo ou Xulio Romero, autores que representan unha nova xeración de creadores da comarca cun discurso propio e moi auténtico. Esta mestura de traxectorias e sensibilidades converteuse nun dos elementos máis destacados da programación, permitindo descubrir novas voces ao mesmo tempo que se escoitaban autores e autoras cunha ampla carreira.
Un dos principais fíos que deixou esta segunda edición foi a reivindicación da Costa da Morte non só como territorio receptor de cultura, senón como territorio de creación e de acción. Ao longo das diferentes actividades apareceron exemplos de autores e autoras que escriben desde a comarca e que toman o territorio como fonte de inspiración. É o caso de Alberto Mancebo, Nerea Pallares ou Anxo Mouzo, entre moitos outros nomes que están a demostrar que desde a Costa da Morte tamén se pode crear, publicar e proxectar cultura.
Un dos momentos máis significativos neste sentido foi a presentación da novela de Alberto Mancebo, vimiancés e autor dunha obra inspirada en Vimianzo, Os tres nomes da Sartegua, que incorpora elementos da fala e da identidade propias da comarca, como o seseo.
A presentación supuxo ademais unha primicia para o festival e serviu para poñer en valor o talento literario existente na Costa da Morte, así como a capacidade de contar historias propias desde o propio territorio.
Neste sentido, Vimianzo M.O.L.A. reivindica tamén a importancia de escribir desde a periferia e sobre a periferia, de contar as historias das persoas que viven nestes territorios e de dar visibilidade a realidades e sectores que tradicionalmente tiveron menos presenza nos grandes circuítos culturais. A programación deixou así unha mensaxe clara: a cultura non ten por que chegar sempre desde fóra. Desde aquí tamén se poden facer cousas, e de feito xa se están facendo.
A memoria como un dos grandes fíos desta edición
A memoria histórica foi outro dos grandes eixos desta segunda edición, especialmente pola conmemoración dos 90 anos da toma do Castelo polo Goberno republicano, un episodio que se puxo en diálogo coa tradición irmandiña e coa propia historia do monumento. A última das Conversas a pé de páxina, protagonizada por Luís Lamela, Luís Sánchez e Montse Fajardo, pechou precisamente o programa literario cunha reflexión sobre aqueles acontecementos e sobre a represión franquista en Galicia.
A programación deixou neste ámbito unha mensaxe especialmente relevante: a necesidade de preservar e transmitir a memoria e de coñecer a propia historia. Esta reflexión estivo presente tamén noutras actividades do festival, entendendo o Castelo non só como patrimonio arquitectónico, senón como un lugar cargado de memoria que pode seguir sendo espazo de encontro, reflexión e participación cidadá.
O Concello valora tamén positivamente a participación das librarías locais que durante os tres días ocuparon os postos da feira de libros no Castelo. A súa presenza permitiu completar a programación literaria e ofrecer ao público un espazo para coñecer e adquirir as obras dos autores e autoras participantes, ademais de reforzar a conexión entre o festival, o sector do libro e o tecido cultural da comarca.
Un Vimianzo M.O.L.A. que xa mira á terceira edición
Tras o remate desta segunda edición, o Concello de Vimianzo considera que o Vimianzo M.O.L.A. deu un novo paso na súa consolidación como cita cultural anual. A alcaldesa, Mónica Rodríguez Ordóñez, agradeceu a todas as persoas que fixeron posible esta segunda edición, dende as autoras e autores ata as librarías e as libreiras, as persoas que participaron nas conversas, as artistas e compañías, a Culturactiva, á Deputación da Coruña e, por suposto, a todo o persoal municipal que traballou durante semanas para que o festival puidese saír adiante, ademais de recoñecer o valor do público, parte indispensable neste evento.
Rodríguez Ordóñez avanzou ademais que o Concello comezará xa a traballar nunha terceira edición de Vimianzo M.O.L.A. para o ano que vén, coa intención de seguir facendo medrar unha proposta que combina literatura, oralidade, artes, patrimonio e memoria.