02-05-2024
O Concello completa a renovación das portas e ventás exteriores da antiga escola unitaria de Pasarela
O Concello de Vimianzo completou esta semana a renovación de toda a carpintería exterior na antiga escola de Pasarela, na parroquia de Calo.
Esta actuación, que se enmarca dentro da programación de mellora de locais sociais e antigas escolas unitarias do Concello de Vimianzo, consistiu no cambio de todas as portas e ventás das catro fachadas exteriores do edificio, mellorando considerablemente o seu illamento térmico e, como consecuencia, logrando un aforro enerxético.
Precisamente co obxectivo de facer este edificio máis eficiente, está contemplado que proximamente se proceda ao tratamento e á impermeabilización das catro fachadas dun edificio histórico da parroquia de Calo e do municipio de Vimianzo.
Inaugurado en 1931, sufriu varias transformacións ao longo do tempo. A máis importante foi nos anos 50, cando se lle engadiu o segundo andar. Enriba da porta aínda se conserva a placa orixinal colocada pola sociedade promotora, que reza o seguinte: «ESCUELA “ENRIQUE LABARTA POSE” Nº 2 DE LA “ABC DEL PARTIDO DE CORCUBIÓN” DE BUENOS AIRES».
Ata os anos 90 funcionou coma un centro educativo ata que foi pechado por falta de alumnado. Así, hai uns anos foi rehabilitado polo Concello, pasando a funcionar coma un centro sociocultural que acolle ducias de actividades para a veciñanza cada ano. Ademais, tamén serve como sede da Asociación de Veciños de Pasarela.